VERBAS

Por Espiñeira

VERME

O verme que temos metido dentro do noso vocabulario presenta concordancia formal con outros vocábulos noutros idiomas como o catalán ver,  o italiano verme, o romanés vierme, o provenzal verme, o francés ver ou mesmo o inglés vermin.

Ademais, a vizosidade deste verme maniféstase nos diversos cultismos que derivan deste mesmo termo, vermis no latín. Entre outros, vermicida e vermífugo ‘que mata vermes’; vermiforme ‘con forma de verme; ou vermiculado ou verminoso ‘que cría vermes’.

Curiosamente, do significado de verme como bichoco chegouse cunha mudanza á expresión dunha cor. O termo vermello é en realidade un diminutivo do latín vermis, vermiculus; é dicir, vermiño, un verme pequeno ou, de pequeno, a larva do verme. Esta asociación fíxose pola obtención dunha materia colorante extraída dun verme, en particular, da cochinilla. O mesmo que pasou cos vocábulos carmesí e carmín, ambos os dous procedentes tamén do verme persa ou, mellor dito, da forma kirm que contén o significado de ‘verme’ en persa. A mudanza debeuse neste caso ao feito de empregaren o quermes ou cochinilla para produciren a cor.

Xunto ao vermello que temos nós, existen vermelho no portugués, vermeil no francés, vermell no catalán, vermiglio no italiano, vermelh no provenzal e mesmo no inglés existe o termo vermeil. Así e todo, cómpre dicir que unha cousa é a semellanza formal e outra o significado real de cada un destes termos. Para gustos hai cores e para cores hai verbas e linguas.

«En este mundo traidor / nada es verdad ni mentira / todo es según el color / del cristal con que se mira» escribiu o asturiano Ramón de Campoamor. Moito hai de verdade neses versos. Ou non, depende, todo é relativo, segundo o cristal con que se mire. No castelán a voz bermejo é equivalente formal do galego vermello, pero ambas as dúas voces fan cadansúa referencia cromática, de feito difiren de xeito substancial. O cristal de cada lingua pode chegar a mudar a percepción da realidade cromática e, alén diso, a realidade mesma. Ou a súa percepción. Tanto ten. En calquera caso, a creba dun cristal limita a ollada.

En ruso teñen unha expresión que serve para a representación mental da cor ‘azul ceo’, golubóy, e outra diferente para distinguiren a cor ‘azul mariño’, siníy. Dun xeito semellante, esa diferenciación lingüística-cromática tamén se fai no italiano cos termos azzurro e blu. Pola contra, nalgunhas linguas sincretizaron nunha única expresión formal varias referencias cromáticas que noutras se mantiveron diferenciadas lingüisticamente. Por exemplo, os indios navahos expresan mediante un único termo, dootł’izh, o que para nós comprende significativamente dúas cores e asemade dúas verbas claramente diferentes, azul e verde. Ollo á lingua, é de cristal.

VERME

Verme que se dá nas plantacións de patacas


Verba seguinte: VESPA // Verba anterior: VERGOÑA // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com