VERBAS

Por Espiñeira

ESTRADA

Quen non lembra La estrada, a famosísima película de  Federico Fellini, protagonizada pola súa propia muller Giuletta Mesina e por Anthony Quinn? Quen non sabe que en inglés o vocábulo street ten un significado que ben se pode emparentar co da nosa estrada? O caso é que esta voz estrada do galego axiña nos pon no camiño da italiana estrada, da street do inglés e tamén doutras voces parellas, como a alemá strasse ou a estarta do éuscaro; e no mesmo camiño onde se atopa coa romanesa strat, a provenzal estrada ou a francesa strate, todas elas cunha orixe común no termo do latín strata. Daquela, quen di estrada sabe latín.

A carón de estrada usamos outros termos con máis que evidentes semellanzas formais, coa mesma orixe, como estrato, estratificar, estratosfera ou substrato. En todos eles mantense un sema básico común doadamente visible. Menos evidente pode resultar a relación semántica e morfolóxica con outros derivados, como o verbo consternar ‘causar tristeza’ ou prostrarse ‘axeonllarse ou inclinarse’, aínda que ambos teñen tamén esta mesma ascendencia, en ambos os dous sobre o mesmo substrato semántico de ‘abater’.

Unha das ideas-forza da película de Fellini é a lealdade, ese vector que tanto une. Un admirador entusiasta desta famosa película tense declarado o nixeriano Wole Soyinka, premio Nobel de literatura. Cando lle preguntaron ao escritor se La strada de Fellini tería influído no título da súa obra teatral The Road, respondeu que, aínda que estudara latín na secundaria, só daquela, no mesmo intre en que lle estaban a facer a pregunta, estaba a decatarse de que «strada» significaba o que en realidade significa, ‘camiño’.

eST

Estrada na Martiñá


Verba seguinte: ESTREITO // Verba anterior: ESPAREXER // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com