VERBAS

Por Espiñeira

NOME

A onomástica é unha disciplina lingüística que se dedica ao estudo dos nomes propios. Onomástica é un termo derivado sobre o lexema grego ónoma, á súa vez fonte de onde xorde o ricaz substantivo nomen do latín. Con base naquela forma grega ónoma formáronse derivados como antonomasia ‘substitución de nome propio por común ou viceversa’, sinónimo, antónimo, anónimo, epónimo ‘que dá nome a un pobo, tempo ou lugar’ ou onomatopea ‘palabra que imita sons’.

Sobre a base latina nomen famén se foi creando unha extensa familia léxica, composta por moitas e moi comúns voces; entre outras, nominal ‘do nome’; nomear; denominar, nominativo ‘que serve para nomear’; pronome ‘no lugar do nome’, etc. Nómina, literalmente, refire ‘lista de nomes’. Mellor deixar aberta esta vía para non caermos nun nominalismo que podería enchernos dunha vasta nomenclatura.

O noso nome ten, como é doado de ver, unha chea de nomes ao seu carón, dentro do propio sistema lingüístico galego. Alén diso, tamén se lle achegan outros nomes de fóra con semellante fasquía nominal: o catalán nom, o italiano nome, o romanés nume, o provenzal nom, o francés nom, ou mesmo, fóra da romania, o inglés name ou o alemán name.

Curioso é o caso do termo ignominia, hoxe sinónimo de ‘deshonra’ pero que veu na súa orixe dunha noción que literalmente significou ‘perda do nome’. No fondo, ignominia mantén aquel senso de perda do nome, aínda que só é a perda do bo nome. Tamén resulta interesante a utilización culta que se fixo do elemento nomenclátor. Hoxe enténdese por nomenclátor o rexistro onde son recollidos os nomes de localidades de poboación, un rexistro dende logo moi interesante para o estudo dos nomes dos lugar, a toponimia. Historicamente deuse unha mudanza semántica a partir do emprego que xa facían os romanos no latín deste termo nomenclator: para eles era o escravo que debía indicarlle ao amo o nome das persoas que o visitaban e tamén o nome das persoas coñecidas que ía atopando pola rúa; ese nomenclátor -que debería posuír excelente memoria- tamén tiña que lle ir lembrando ao amo metido en lides políticas os nomes dos cidadáns aos que había de pedirlles o voto. Hoxe en día o termo emprégase como listaxe de nomes, en xeral os dos habitantes de vilas e cidades, aínda que dalgún xeito os habitantes/votantes somos parte da memoria do nomenclátor clásico.

Hai unha soada locución latina, nomen, omen que vén significar literalmente ‘nome, presaxio’, no senso de que o nome fai o home, anticipándolle o destino como un presaxio que o marca para a vida. Por exemplo, o feito de pór nomes como Eulalia que significa ‘ben falada’ ou Fausto que significa ‘feliz’ supón pór bos desexos. Claro que logo poden saír Eulalias tatexas ou Faustos desditados, mais nomen, omen. E por se non abondase con levar toda a vida o nome e máis os apelidos non escollidos por un mesmo, aínda en moitos casos hai que sobrelevar o sobrenome, o nome persoal ou familiar que en árabe din al-kunya, de onde proveñen os nosos alcume e alcuña. Estes sobrenomes apelativos adoitan aludir a algún sinal físico, psíquico ou poden ser relativos a algunha característica de conduta, de oficio ou de procedencia. En moitas familias son transmitidos de xeración en xeración e nalgúns lugares teñen máis valor identificativo cós propios apelidos. Máis vale preguntar nunha vila ou nunha aldea, por exemplo, polo Paco Milhomes ca por Francisco Fernández. Aínda máis, nesta aldea virtual en que se está a converter o planeta terra volven a imporse por mor da internet os alcumes, por máis que desta volta os sobrenome se tornase máis global fashion e agora se chame nickname.

Nome

O nome desa especie de padiola da Cervela é tumbón (para levar defuntos ou doentes)


Verba seguinte: NU // Verba anterior: NOITE // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com