VERBAS

Por Espiñeira

VERGOÑA

Da forma verecundia do latín ten hoxe o portugués vegonha –ou vergonça-, ten o catalán vergonya, o italiano vergogna, o provenzal vergonha e o francés vergogne. Polo tanto, como non ía ter vergoña o galego? E non só a vergoña –ou vergonza- que seica temos e dende logo mostramos cando queda só un anaco de polbo no prato ou unha derradeira tallada na fonte. Malia iso, a vergoña do galego non é tan identitaria. Non estamos sos no mundo. En realidade, todas as expresións romances mencionadas están a falar, con pequenas diferenzas gráficas, dun semellante e homófono sentimento de vergoña.

Na súa raíz etimolóxica, vergoña ten certa relación con termos como reverencia, reverendo e irreverente, por pertenceren todos eles hai ben tempo a unha mesma familia léxica. Irreverente é, neste senso, máis ca irrespectuoso porque o irreverente atenta contra o que se considera merecente da maior autoridade ou respecto. Sitúase, daquela, nun grao máis elevado. Cando alguén deixa o derradeiro bocado para os demais non o fai por reverencia, nin tampouco o fai por respecto. Faino por vergoña, porque o galego -e a galega- ten vergoña. Non se vaia pensar que aínda andamos a pasar fame.

Coa vergoña hai que ter moito moito coidado, non se perde máis ca unha soa vez.

Vergoña

Non lles dá vergoña andaren con coroa


Verba seguinte: VERME // Verba anterior: ULO? // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com