VERBAS

Por Espiñeira

RAS

Do adxectivo do latín rasus ‘raído, afeitado’ chegouse ao noso ras, coa mesma forma  cá dos derivados doutros idiomas como o catalán ras, o francés ras ou o provenzal ras; en romanés, raz. No caso do inglés razor ‘rasurador’ e do alemán rasieren ‘rasurar’ áchanse certas concomitancias formais con noso ras. Tamén na forma verbal rasurar se mantén a noción semántica orixinal de ‘afeitar’ ou ‘barbear’, en tanto que o termo ras hoxe ten máis emprego como constituínte dunha locución a ras de  que significa ‘a nivel de’; e no mesmo senso temos o adxectivo raso e máis o verbo rasar.

Rasar é pór raso ou liso, é dicir, ‘alisar’. Curiosamente, con esta mesma base léxica pero cun uso específico que deu pé a unha connotación negativa apareceu o verbo arrasar. En rigor, estes e outros elementos da familia de ras teñen asemade relación léxica e semántica con raer ‘cortar a ras’, acción que por exemplo se fai ás crinas dos cabalos e as eguas nas rapas das bestas. Na historia sempre se asociou o feito de arrasar con movementos de pobos bárbaros e con aquelas accións de devastación protagonizadas por nomes de guerreiros que aínda hoxe infunden temor. Atila ou Genghis Khan, por exemplo. Aqueles bárbaros da estepa do interior de Asia, “bestas bípedas, aparentemente encadeadas ás súas cabalgaduras” -segundo descrición feita no século IV polo historiador romano Amiano Marcelino - vivían dacabalo, coma centauros, e arrasaban, arrasaban todo canto atopaban ao seu paso. Pero a historia non a escriben os bárbaros, senón os pobos que se autoproclaman civilizados. O cabalo foi levado por Colón a América e tamén alá tivo moita relevancia nas accións da conquista. Ao final a culpa vaina ter o cabalo, ou vaina levar o soldado raso. En 1493 o Vaticano regalou parte de América a España e parte de África a Portugal e fíxoo cunha moi civilizada xustificación: “para que as nacións bárbaras sexan reducidas á fe católica”. Para que logo digan que non se pode ir ao ceo dacabalo.

Cabalos

Cabalos


Verba seguinte: RELLA // Verba anterior: PREMER // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com