VERBAS

Por Espiñeira

COXA

A nosa coxa é voz do galego e asemade é voz do latín en estado puro. É idéntico vocábulo, coxa, no galego e no latín, co mesmo significado de ‘anca, cadril ou parte anatómica entre as inguas ou virillas e o xeonllo’. Son cultismos, formas derivadas do latín sen apenas mudanza, o termo médico coxal, que significa ‘relativo á coxa’, ou o nome dunha patoloxía médica, coxalgia ‘dor localizada na coxa’, ou o elemento composto coxofemoral que se emprega en anatomía co significado de ‘relativo aos ósos coxal e fémur’. Tamén se emprega este mesmo nome de coxa en zooloxía para referirse á parte dos insectos que está situada entre o tórax e o trocánter, é dicir -salvando as diferenzas, desculpando- cun significado próximo ao de coxa no corpo humano.

Con referencia semántica acaroada emprégase en catalán cuxa, en italiano coscia, en romanés coapsa, en provenzal coisal ou en francés cuisse; en inglés tamén existe coxa.

E derivados por asociación desta coxa temos o substantivo coxín, o adxectivo coxo e o verbo coxear. É doado albiscar en todos eles a común base sémica de coxa. O coxín ponse precisamente para acomodar a coxa en repouso e que non se produza coxeira ao se erguer dunha cadeira.

Hai un proverbio que di que se pilla antes a un mentireiro que a un coxo. Mais o que o proverbio non conta é que tamén se pilla o coxo por mentireiro, depende de que pé coxee.

Coxa

Coxíns


Verba seguinte: CULLER // Verba anterior: COSTUME // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com