VERBAS

Por Espiñeira

OLLO

Ollo ten correspondencia morfolóxica co portugués olho, co provenzal olhi, co francés oeil, co catalán ull, co italiano occhio ou co romanés ochi; ademais, garda tamén certa proximidade léxica co inglés ullage ‘ocular’.

Como adoita acontecer co léxico das linguas romances, a base etimolóxica do vocábulo ollo está no latín, en concreto no substantivo oculus. Precisamente por iso, nun idioma artificial como o esperanto foi creado coa mesma base o termo okulo. Apenas sen ningunha metamorfose, este elemento óculo funciona hoxe en arquitectura como cultismo que designa unha abertura ou ventá que ten forma circular, o que de xeito popular tamén chamamos ollo de boi. Óculo ou ollo de boi, o mesmo, como oeil de boeuf en francés e bull's-eye en inglés. Por vía culta do mesmo étimo rexístranse hoxe derivados como o adxectivo ocular ‘relativo ao ollo’ ou inocular, non antónimo do anterior senón verbo que significa, literalmente, ‘introducir nun organismo unha substancia que contén xermes dunha enfermidade’ e, por extensión semántica, ‘inculcar ideas ou condutas negativas’. Oculista, binóculo ou monóculo son outros exemplos de termos cultismos que, como tales, presentan substancial equivalencia formal noutros idiomas, mesmo en idiomas non romances. Por exemplo, esa raíz e concepto de ‘monóculo’ recoñécese doadamente no francés monocle, no homógrafo do inglés, ou no monokel que á vez existe no alemán e no sueco.

En grego o significado ‘ollo’ contense no significante ophtalmós, sobre o que se constrúe oftalmólogo e outros derivados. E no mesmo campo semántico temos, tamén en grego, ops e optikós ‘vista’, de onde viñeron os actuais óptico, dioptría ‘unidade de potencia óptica dunha lente’, ou catadióptrico, o elemento que se pon nas rodas das bicicletas, polo xeral amarelos ou vermellos, e que brillan ao recibiren luz, como os ollos dun gato; da mesma orixe tamén veu sinopse, literalmente ‘con vista’ e logo, con maior abstracción, síntese ou resumo, a simple vista.

Por outra vía, romance, como formas patrimoniais temos moitas derivadas, entre as cales son usuais antollo -tantas veces obxecto de deturpación mediante o castelanismo *antoxo-, antollar, ollal ‘relativo a ollo’, ollar, ollada, ollear, etc.

Unha ollada ao uso que cada falante fai da lingua constata a presenza de moitos factores que son condicionantes, algúns deles de tipo persoal. A idade, o sexo ou a formación profesional, por exemplo, pautan diferentes maneiras de expresión. A maneira característica de falar de cada persoa é o que se chama idiolecto. E aínda que un idiolecto non é o simple resultado dunha suma dos factores e características persoais, existe unha certa correlación entre personalidade e fala. Un vello e un mozo, unha rapaza e unha anciá ou un mariñeiro e unha química que comparten a mesma lingua adoitan teren idiolectos propios. Pódense rastrexar nas falas de cada grupo a pegada de trazos lingüísticos distintivos, estilemas ou trazos de estilo propios da idade, o sexo e a profesión dos diversos falantes. Entre outros condicionantes do idiolecto, a formación e actividade profesional pode chegar a ter sobranceira transcendencia e conformar e ata deformar a fala. Deformación profesional de formación profesional. Ollo se non á reprimenda da ciumenta oftalmóloga á súa parella:

Mira Casimiro que eu só vexo polos teus ollos, pero ti nin caso, que a dos ollos grises, a Griselda esa, ándache a botar mal de ollo, que só quere metérseche polos ollos e ti nin o ves nin o queres ver. Abre os ollos, Casimiro, que te come coa mirada e nin te enteiras, andas todo o día aloulado, de ollos pechos. E eu nin pego ollo en toda a noite. Mira Casimiro que eu para isto téñoche moito ollo. Con dicirche que xa a teño de ollo desde que a vin, que a min nunca me encheu o ollo a lercha esa. Fai caso, Casimiro, e bótalle un ollo ao que che digo.

Ollo

O ollo da pechadura


Verba seguinte: ONDA // Verba anterior: NU // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com