VERBAS

Por Espiñeira

EU

O eu é un dos conceptos que presenta unha das contornas semánticas máis complexas. É ben difícil dar unha definición cabal do “eu”. Téñense feito achegas cara á súa definición dende as máis diversas perspectivas científicas, dende a lingüística ata antropoloxía, dende a psicoloxía ou dende a neurobioloxía, pero nada, o eu, criaturiña, semella esvaerse de calquera tenteo de apreixamento semántico. En realidade, pode ser que o eu perda a súa esencia se o definimos. E isto non é por culpa da lingua, non, non é unha eiva lingüística. É que o eu é así, moi de seu.

Dise eu tanto en galego, como en portugués, en todo o portugués, aquén e alén do atlántico. E tamén se di eu en romanés.

Ben máis doado ca definilo será rastrexar a súa orixe. O grego legóunolo baixo a forma ego, de onde, a través do latín, que foi descompoñendo o grecismo na forma eo, chegou o noso eu patrimonial. Aquel ego grego popularizouse moito por mor da teoría da psicoanálise de Freud, pero fóra deste ámbito científico tamén ten un abondoso uso coloquial, tanto o termo en por si como a noción que refire: “ter ego” é quererse, quererse moito, cunha autoestima sen límite, sen autocrítica. E cando se di autocrítica non se está a falar de coches.

Ademais de termos ego, mantemos cultismos derivados como egoísmo, egolatría ou egocéntrico, con pequenas variacións formais en moitas linguas. Tamén mantemos o uso do latinismo cru alter ego, que fai referencia a ‘outro eu’, como os alter ego ou outros eus que tan ben empregou o escritor portugués  Fernando Pessoa.

Quen logo chegaría a ser mundialmente recoñecido como escritor non publicou nada ata só un ano antes de morrer, en 1934, e daquela, como unha enxurrada que xa non podería conter máis tempo, abrollou tanta e tan valiosa obra literaria que a tivo que repartir noutros eus. Déunola a coñecer non só baixo o seu propio nome senón tamén baixo outros nomes, os heterónimos, que chegan a ser alter ego, outro eu, verdadeiros desdobramentos da súa enorme personalidade poética. Ricardo Reis, Alberto Caeiro ou Álvaro de Campos son os outros eu de Pessoa, personalidades que están á vez no seu eu pero non son o seu mesmo eu. Eses alter ego literarios non son simplemente pseudónimos, nin tan só heterónimos; cada un deles ten vida e unha historia propia, cada un ten o seu propio eu. Se cadra, pódese definir mellor o eu destas criaturas alter ego có auténtico eu de Pessoa, o creador polifacético -dito aquí con toda propiedade- que nos deixou un apuntamento lapidario, unha indeleble pegada da súa identidade:  “Minha pátria é a língua portuguesa”. Cal é a nosa patria? Non estarán algúns a facérense apátridas? Alá cadaquén co seu ego. Eu, eu.

Pessoa

Fernando Pessoa, o escritor dos moitos eu


Verba seguinte: FACE // Verba anterior: ESTREITO // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com