VERBAS

Por Espiñeira

DEUS

A orixe onomástica de deus áchase no grego theós. É deus tamén en portugués, tal como en latín. Como deus, en galego. En catalán é déu, jeus en éuscaro, dío en italiano, dios en español e dieu en francés.

Esta orixe é clara. Outra cousa é a orixe mesma do deus. O cristianismo foi formado a partir dunha seita hebrea, a dos xudeus na Palestina do século I dEC (despois da Era Común). Polo tanto, o Deus cristián vén ser nun principio o Deus dos xudeus, Yahvé. En realidade para o xudaísmo Yahvé era YHVH, impronunciable, porque a biblia hebrea está escrita só con consoantes, sen vogais. Os eruditos xudeus tiveron que interpretar e completar a lexibilidade da biblia ata entrada a idade media. E tamén Alá, o deus dos musulmáns, outra relixión monoteísta, tivo moito que ver nas súas raiceiras co xudaísmo. Segundo di a tradición musulmá, hai noventa e nove nomes para se referir a Alá, os noventa e nove nomes máis fermosos que enxalzan o seu deus Alá. Oxalá! ‘se alá quixese’.

É magoante as guerras feitas ao longo da historia en nome destes deuses, Alá, Yahvé ou Deus, tanto ten, guerras santas ou jihad que teñen levado aos fieis –infieis para os outros fieis- á outra(?) vida. Sen ollarmos tan de lonxe, aínda na historia recente o Papa Pío XII declarou a guerra civil española como cruzada. E pouco tempo despois, durante a longa noite de pedra, Franco –a súa cara- aparecía nas moedas –nunha cara, na outra a cruz- coa inscrición “Caudillo de España por la gracia de dios”.

Deus foi, xa que logo, a forma na que o latín expresou o theós que acolleu do grego e dos gregos. Os romanos adoraron moitos deuses. En realidade, foron asimilando moitas das deidades que veneraban os pobos que eles ían conquistando na súa expansión imperial. En particular, acolleron como propios moitos deuses da Grecia tras a conquista no século III a.C. (antes de Cristo?!). O curioso é esa veneración polo vencedor dos deuses que tiña o pobo vencido, sometido, e máis a súa completa asimilación ou romanización; de tal xeito, a Afrodita grega, a deusa da beleza e do sexo, veu sendo a Venus romana; o venerado Dioniso, deus do viño, Baco; e así, Eros, Cupido; Gaia, Terra; Hipnos, Soño; ou Zeus –hipotético étimo de deus, para algúns-, Xúpiter. Séguense a adorar aínda hoxe? En certa maneira, si. Por exemplo, Xúpiter pai dos deuses e dos homes no Olimpo romano, lémbrase un día á semana, no romano Jovis díes 'día de Xúpiter’, aínda que de maneira romanceada, no noso xoves en galego, no dijous do catalán, no jeudi do francés, no giovedì do italiano, no joi do rumano, no jueves do español ou no huwebes do tagalo. Quéirase ou non, a nosa lingua e a nosa cultura están tinxidas de relixiosidade. A fórmula habitual de despedida adeus vén ser unha substantivación de “a Deus sexas”, isto é, ‘encoméndote a Deus’.

Moitos deuses, moitos, pero o que aquí e agora interesa é soamente o nome en por si, deus. E por que deus en latín? No Concilio Vaticano II, convocado en 1959 polo Papa Xoán XXIII, a lingua oficial foi o latín, do mesmo xeito que é hoxe o latín a lingua do Estado do Vaticano e do mesmo xeito que o latín era daquela a lingua da liturxia cristiá. Contra o rigor histórico, porque en realidade o Xesús dos cristiáns non falase en latín na súa vida (?). A Igrexa católica utilizou nun primeiro tempo o grego, a lingua de prestixio e que se tiña por culta, pero despois foi traducindo os textos do grego –ou do arameo- ao latín. No Concilio Vaticano II acolleuse o uso das linguas vernáculas na liturxia. Pero con este cambio, que pretendía un achegamento da liturxia aos fieis, a maior parte dos galegos perderon en Galicia a deus. Na maioría das parroquias pasouse de deus a dios. Madía leva que un, grazas a deus, é ateo.

Deus

Moeda de peseta dos tempos de Franco


Verba seguinte: ENCHER // Verba anterior: CULLER // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com