Indice de Exercicios

VERBAS

Por Espiñeira

GRADE - GRELLA

O apeiro de labranza para arar e achairar a terra é o que define a palabra grade, lexicalmente emparentada coa do portugués grade ou mesmo coa do inglés grate, as tres orixinarias do étimo latín cratis que tiña o significado xenérico de ‘enreixado’.

Unha grade ou reixa pequena era no latín a craticula, o diminutivo por onde chegan a nós expresións  como a galega grella, a portuguesa grelha, a italiana griglia, a francesa grille, a inglesa e asemade alemá grill, a catalá graella, ou a gratella no italiano. Dito doutro xeito, a grade non vén ser máis ca unha grella grande.

Hoxe ao falarmos de grella pode excitarse a secreción de zumes gástricos, pero outra estimulación ben distinta tivo que sentir aquel Lorenzo natural de Huesca cando o asa(sina)ron vivo nunha grella. Aconteceu o 10 de agosto do ano 258. O emperador romano Ambrosio tiña ordenado unha batida de cristiáns. Axiña moitos foran decapitados, como o papa Sixto II, pero a aquel arcediácono, Lorenzo, concedéranlle tres días para que entregase os bens de Igrexa. Seica se negou e repartiu os bens entre os pobres; en consecuencia, por estes feitos a el fixérono príncipe dos mártires. E fixérono lentamente, á grella. Di a lenda que estando no martirio da grella a Lorenzo aínda había quedarlle unha chispa de humor coa que provocou ao seu verdugo: “vírame, que deste lado xa estou ben asado”.

Tamén no 10 de agosto, pero séculos despois, no 10 de agosto de 1557, Felipe II gañou a batalla de San Quintín. E para celebralo, mandou construír o mosteiro de San Lorenzo no Escorial. O caso é que non había mellor ocorrencia que lle pór ao mosteiro unha planta de forma reticular e simétrica, como unha grella. Tamén cara o 10 de agosto, todos os veráns, pódese contemplar dende o hemisferio norte unha choiva de meteoros que popularmente son coñecidos como as bágoas do Santo Lourenzo. Ocorre na época dos días máis calorentos do ano, polo que tamén se di que daquela Lourenzo -o sol- quenta ben. De acordo, o Lorenzo quenta, mais nunca tanto como había quentar a grella.

GRELLA

Grella para asar a carne

Grade

Grade


Verba seguinte: HOMADAS // Verba anterior: GORXA // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com