VERBAS

Por Espiñeira

SERÁN

Do latín serum ‘tarde, noitiña’ chegou a nós a forma serán para referir unha parte do día, concretamente o anaco da tarde ou da tardiña que transcorre entre o día e a noite, o luscofusco que vai dende que comeza a se pór o sol, o solpor ou crepúsculo, ata a chegada da noite. Como non fai referencia a unha medida cronolóxica, senón a un lapso de tempo variable, estacional ou meteorolóxico, o serán non indica con precisión ningunha hora determinada.

Este serán ten dende logo moito que ver con outros coétimos, como os vocábulos do italiano sera ‘tarde’ e serata ‘velada’; e tamén cos resultados ben semellantes en forma e significado que se achan no francés soir e soirèe; dende o francés foi tomado polo inglés por vía de empréstimo a expresión soiree ‘reunión ou festa á noitiña’. O castelán sarao ‘baile á noitiña’ foi orixinado tamén como préstamo, a partir do portugués serão. Xa que logo, o termo serán ten unha connotación semántica festeira. De feito, un forte elo vencella o serán coa festa na celebración das tradicionais “festas do serán”. Trátase de xuntanzas onde a xente come, canta e baila, de todo, ao pór remate aos labores do día.

Serán

Festa do serán nun día de vendima na Ribeira Sacra


Verba seguinte: SINATURA // Verba anterior: SEIXO // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com