VESPA
O idioma galego, así como o portugués, o catalán, o provenzal ou o italiano rexistran por igual este formante vespa como substantivo común. Vespa ten asemade a mesma forma que tiña no latín e que, naturalmente, deu os mesmos resultados romances sen mudanzas formais; noutros idiomas, como no francés guêpe ou no romanés viespe, déronse algunhas modificacións do étimo cara á derivación romance. O mesmo ocorreu no español avispa, que na súa conformación cruzou a forma etimolóxica vespa co substantivo abeja, de onde tomou por prótese o /a-/ para chegar así a avispa. Na linguaxe científica empréganse termos como véspidos, vespídae, véspula ou vespínae. Como é obvio, todos eles proveñen dunha mesma fonte léxica, a mesma xenética cá da nosa vespa.
O nome vespa, ademais de se referir ao insecto, alude a unha coñecida marca de motocicleta, unha scooter manufacturada por primeira vez no ano 1946 en Italia. A característica imaxe desta motocicleta representa unha das iconografías máis e mellor espalladas da industria automobilística. O seu logotipo representa a forma do insecto e con el vespa chegou a posuír un novo valor referencial como nome propio. Di a lenda que cando o empresario Enrico Piaggio veu por primeira vez o deseño da nova scooter exclamou: “Bello, sembra una vespa”; establecendo así unha comparación que ía servir para lle pór nome a aquel primeiro e novidoso ciclomotor. Coa forma arredondada da parte traseira onde vai o motor -como o corpo- e co guiador -como as antenas- ‘belo, semella unha vespa’. Máis adiante, houbo quen quixo ver outro tipo de similitudes entre vespa e Vespa; xogando coa etimoloxía popular, dicíase de xeito retranqueiro que a denominación da motocicleta tiña que ver co insecto pola velocidade, máis que pola forma, e sobre todo polo ruído que facían as dúas, tanto a vespa como a Vespa.
Trampa caseira para atrapar vespas velutinas
Verba seguinte: VULTO // Verba anterior: VERME // TODAS AS VERBAS
2005-2024 |