VERBAS

Por Espiñeira

PREGAR

Pódese ver en pregar unha verba con equivalencia morfolóxica coa do italiano pregar, a do provenzal pregar, a do francés prier ou a do inglés pray. A orixe de todas elas é, por suposto, latina. Proveñen dun praedicare, base de precor, que de por parte está relacionado con outras voces do mesmo campo semántico como preces ou imprecar, neste caso de signo ben diferente. O significado de preces e imprecar son, respectivamente, oracións e maldicir alguén. Porén, no fondo non existe tanta distancia semántica como puidera de entrada semellar. Se cadra, a pouco que afondemos, hai aínda menos da que en realidade separa os termos predicar e pregar.

Dentro desta mesma familia áchase unha forma pregaria, así como unha francesa prière, unha catalá pregaria, unha inglesa prayer e tamén unha forma alemá, prekär, que comparten a fonte etimolóxica no latín precarius. Na súa orixe, tiña o significado de ‘obtido a base de pregar’.

Este significado primixenio de ‘obtido a base de pregar’ aínda se mantén en certa maneira nun emprego de precario como termo especializado propio do tecnolecto dos operadores xurídicos. Pregar non sempre ten uso só co significado relixioso que adoita, tamén pode conter un obxectivo non relixioso, civil. Pódese pregar ao deus ou pódese pregar ao veciño, por exemplo. En síntese, no eido xurídico precario refire o contrato de cesión gratuíta do uso dunha cousa non funxible, cesión que pode ser revogada a vontade da persoa cedente. Así pois, por exemplo, o propietario que deixa en precario unha vivenda ou un terreo –cousas non funxibles- pode esixirlle ao precarista, mero posuidor, a súa devolución cando queira, sempre, á vontade.

Iso é o que di a doutrina básica que manexa calquera leguleio. O pobo, na súa sabenza, ditamina en forma de refrán que máis vale deixar a ruíns que pregar a bos.

Pregar

Rosario usado para pregar á Virxe


Verba seguinte: PREMER // Verba anterior: PREA // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com