VERBAS

Por Espiñeira

HOMADAS

Característica distintiva e esencial do home, do ser humano en xeral, é a tenza dunha linguaxe articulada. Esta facultade da fala faino diferente fronte a outras especies, aínda que non mellor. Descubriuse que a coincidencia entre o ADN do orangután e o ADN do ser humano chega ata o 97 %. Compartimos xa que logo un xenoma practicamente idéntico, mais nese 3% de secuencia áchase o tesouro das grandes diferenzas. Seguro que tamén nesa pequena diferenciación do 3% reside a base da facultade da nosa linguaxe articulada, a fala.

Ocorre que as cifras teñen decote valor relativo e por iso cómpre poñelas en relación con outras magnitudes da mesma liña do tempo. Só a escala dá valor aos números. Seica os orangutáns e os seres humanos tivemos un antepasado común hai 12 millóns de anos. É dende logo moito tempo, pero tamén é xa unha boa tempada falar de 300.000 anos, que é cando apareceu o homo sapiens. O feito de manterse ergueito foi o resultado dun longo proceso evolutivo que se coñece como bipedación e que conlevou, entre outras mudanzas fisiolóxicas, permitir axeitar as cordas vocais para a articulación da voz humana. Ao tempo iría aumentando significativamente o tamaño do cerebro, en particular a área de Broca, a que rexe o control da lingua e dos beizos como órganos articulatorios.

Nesta evolución en cadea da especie animal que constitúe o ser humano hai unha serie crecente de elos constitutivos. Homo faber, homo erectus, homo habilis, homo ergaster, homo antecessor, e todos os homo máis que se queira, porque o home, o ser humano, é tamén por natureza homo taxonomicus, clasificador, pero é ante todo un ser vivo falante, homo loquens. E iso sen entrar en matizacións de carácter sexual. Por iso o home ten fala. E a tendencia natural desa fala humana é cara á diversidade porque tamén a fala é o resultado dunha adaptación cultural bioclimática. Dese xeito, como expresión da habelencia adaptativa temos home en galego e expresións case homófonas como a provenzal ome (homenaxe foi tomada do provenzal antigo), a portuguesa homem, a catalá ome, a italiana uomo, a romanesa om ou a francesa homme. Dese homme fan no francés a forma impersoal on, unha apócope semellante á que deu a expresión ho tan popular entre nós. A ver ho? Si ho.

A fala humana fíxonos diferentes, aínda que esa diferenciación en por si non nos fai humanos. A evolución propiciada pola selección natural foi escollendo as formas máis axeitadas aos factores ambientais –por iso en galego é natural falar máis de viruxe que de calima-. Mantemos as capacidades útiles –as estruturas e órganos máis axeitados ao medio- e estas melloras adaptativas conducen cara a diversidade e a diverxencia, a especiación –as distintas falas-.

Hai falas como hai plantas, endémicas, as que só se dan nun determinado hábitat e que cómpre coidar con todo mimo porque en si atesouran valores de interese tanto local coma universal. De se perderen elas, máis perderemos nós. Hainas tamén as que son invasivas, aquelas que foron introducidas polo home, o ser humano, fóra do seu propio espazo natural e acabaron producindo importantes danos nun ecosistema e poñendo en grave risco a biodiversidade do planeta. Cómpre telas baixo control.

Na mesma raíz lingüística do home asentan termos cultos como homicidio ou homúnculo. Ninguén quererá esquecelo nin ignoralo voluntariamente, aínda que hai xente tan arrichada que é quen de se gabar da ignorancia. Onde nós temos homenaxe, a lingua inglesa, hoxe lingua invasiva, ten o termo homage, á súa vez enxertado en homo.

Ecce homo ‘velaquí o home’ son sonadas palabras que se atribúen a Poncio Pilatos cando entregou a Xesús coa coroa de espiñas. Ecce lingua poderían dicir algúns ponciopilatos de hoxe, os que queren ter a lingua como unha planta ornamental, coutándolle de raíz o seu desenvolvemento natural. Claro que ese Pilatos que entregou ao Xesús foi máis tarde declarado mártir pola igrexa copta. Pero iso xa son cousas da fe. E dos homes. Homadas.

Home

Home lendo


Verba seguinte:LAR // Verba anterior: GRADE - GRELLA // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com