VERBAS

Por Espiñeira

ESTREITO

O mesmo ca estricto, pero romanceado, isto é, metamorfoseado, usamos estreito, forma popular derivada do latín strictus. Este mesmo étimo tamén deu por vía patrimonial estreito en portugués, estret en catalán, stretto en italiano, étroit en francés ou, nun senso semellante, strait en inglés e strikt en alemán.

Esta base léxica tivo gran recursividade formal mediante prefixación: constrinxir, distrito, restrito, restrinxir, restrición, etc. Curiosamente, estrinxir e estrinximento teñen a súa orixe no mesmo étimo.  E resulta ben doado de comprender a relación entre as dificultades para expulsar excrementos e a estreiteza. Asemade, un adxectivo que se adoita empregar nas indicacións de prospectos dos medicamentos que serven para tratar a diarrea –astrinxente- garda íntima relación formal e conceptual cos demais membros desta estreita pero longa familia léxica. Lóxico.

Unha pertenza máis estraña é a do elemento prestixio. O noso prestixio, igual ca prestixioso e prestixiar, ten nun principio moito que ver con prestidixitador. En realidade trátase dun cambio semántico sobre a forma latín praestigiosus, que primeiro significou afectado ou enganoso, aquela persoa que deixaba ao público sobrecollido, co corazón nun puño, é dicir, apertado ou constrinxido. Daquela, rabuñando un pouco na tona de prestixio agroma o sema común a toda esta serie de verbas, o sema de estreiteza.

E aínda coa mesma base foron constituídos máis termos doutras linguas que gardan parentesco co noso estreito, termos como o francés étreindre ‘estreitar’ ou o o inglés strong ‘forte’. Forte no senso de apertado, ben apertado, aínda que non tanto. Apertar aperta máis o alemán strang, ‘soga’.

Estreito

Pa para meter e sacar o pan do forno: cun mango estreito


Verba seguinte: EU // Verba anterior: ESTRADA // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com