VERBAS

Por Espiñeira

VULTO

Unha das cuestións importantes na fixación da norma estándar de calquera lingua é a grafización. No caso da galega, alén doutras cuestións obxecto dun necesario debate, como pode supoñer o maior ou menor achegamento léxico cara ao español e/ou cara ao portugués, o peso da tradición gráfica española tamén condiciona o establecemento dunha grafización propia e ben axeitada. Isto é, por exemplo, o que acontece no caso de vulto. O termo ten orixe etimolóxica no latín vultus, onde significa ‘rostro ou expresión da cara’. Polo tanto, débese lembrar e manter a forma vulto que, ademais de conforme coa etimolóxica, concorda coas formas equivalentes noutras linguas, como son a portuguesa vulto, a italiana volto ‘rostro’, ou a provenzal volt.

A forma correspondente no español deriva tamén dese mesmo vultus, pero pola confusión fonética dos sons /b/ e /v/ -un fenómeno chamado betacismo- acabou por mudar graficamente o v etimolóxico a prol do b antietimolóxico; resultado: o bulto español. Paradoxalmente, na lingua de Castela este termo bulto con b existe á beira da grafización con v presente noutro compoñente da mesma familia léxica: vultuoso, termo que se emprega no ámbito da medicina co significado ‘avultado por mor da conxestión’.

Hoxe a presión normativa do español está a provocar en casos como o comentado -e nalgúns máis como avogado, voda, gravar, covarde e un curto etcétera- cativas confusións no uso da correcta expresión gráfica do idioma galego, simples erros de vulto.

Vulto

A este castiñeiro saíronlle uns vultos


Verba seguinte: XEITO // Verba anterior: VESPA // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com