VERBAS

Por Espiñeira

LECER

Dáse como étimo de lecer a forma verbal do latín licere ‘permitir, pór en venda’. Obviamente cunha notable mudanza de significado entre aquel latino licere e este noso lecer. Con alicerces nesta base léxica, licere, e co seu mesmiño significado orixinal sen mudar, chegaron a nós termos como licitación, licitar e outros referidos ao significado de ‘poxar’ ou ‘pór prezo a algún ben en venda’. Alén disto, a mesma raíz léxica serviu asemade para outros moitos gromos lingüísticos de emprego cotián tales como licencia, lícito, licenciado ou licencioso. En todos estes subxace, senso lato, a noción semántica común de ‘permiso’.

Maior mudanza semántica, cara unha especialización ou restrición de significado, tivo que se dar para chegar cara aos resultados actuais do noso lecer e do portugués lazer. Hoxe fronte a este termo parece querer impoñerse en galego o uso do sinónimo ocio. O contrario de negocio, nec otium, o non ocio, está a gañarlle o terreo a lecer porque, a fin de contas –“a fin de contas” (sic!)- todo se quere reducir aos intereses das grandes cifras económicas, as macromagnitudes. Imponse un xeito de vida como única realidade que prevalece na sacrosanta macroeconomía. Ocio ou negocio. Cara ou cruz. Din os tecnócratas que non hai outra vía. Pero onde van parar todas as cousas que nós imos perdendo, onde se agocha o que imos esquecendo? Con licencia, ‘permiso’, o lecer si que interesa, e moito. O lecer non é só ocio, é ‘tempo libre’ ou, como tamén se di en inglés, ‘free time or leisure’.

Lecer

1983: un momento de lecer en Trasar de Carballo


Verba seguinte: LENE // Verba anterior: LAR // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com