VERBAS

Por Espiñeira

GOLPE

Nunha coñecida composición, Joan Manuel Serrat pon música e engade versos a versos de Antonio Machado (en cursiva) e canta golpe a golpe, verso a verso.

“Hace algún tiempo, en ese lugar
donde hoy los bosques se visten de espinos,
se oyó la voz de un poeta gritar:
caminante, no hay camino,
se hace camino al andar,
golpe a golpe, verso a verso.”

De que golpe trata? Pois, claro está no poema, do golpe que provén do latín colpus, á súa vez derivado dun grego Kólaphos, onde xa tiña o significado de ‘bofetón ou puñada’. Golpe a golpe, verso a verso.

Tamén en galego hai golpes coma este, madia leva, pero á vez temos máis golpes. Trátase dunha voz homónima, coa mesma forma pero distinta orixe, en fin, outra palabra e xa que logo outro significado. Estoutro golpe deriva do latín vulpes e fai referencia a un animal, ‘raposo’. Na mesma liña que está vulpes vulpes, a denominación empregada para definir cientificamente o xénero da familia dos cánidos entre os que se inclúen especies como esta do raposo. Aínda que non pase dunha simple hipótese -è ben trovata se non è vera- o nome raposo seica pode remitir a rabo. Desde logo, máis doado é verlle o rabo ao raposo ca crer que dunha suposta forma *rabosa viría a palabra raposa. Sexa como for, semella unha etimoloxía moi collida polo rabo.

De calquera xeito, o golpe con rabo, o ‘raposo’, ten clara correspondencia con voces doutras linguas que fan lembrar unha orixe común; entre outros, o italiano volpe, o romanés vulpe, o provenzal volp ou, máis aló, o inglés vulpine, adxectivo que indica ‘que ten as características do raposo’. En portugués, de por parte, rexístrase golpelha, golpe ou raposa pequena, semellante ao francés goupil, ambas verbas coa mesma orixe no diminutivo latino vulpecula. E tamén, aínda, hai unha equivalencia no español vulpeja, termo que hoxe ten pouco uso porque foi reemprazado por zorra.

Houbo un grupo de música de mulleres de Baracaldo que facía punk-rock e que se facía chamar “Las Vulpes”. Non hai dúbida de que a escolla deste nome fixérona de xeito consciente -e culto- porque as compoñentes das Vulpes saíron nunha emisión de TVE no ano 1983 e provocaron un sonoro escándalo ao cantaren o tema “Me gusta ser una zorra”. Esa palabra zorra, palabrón para algúns, ben veña do verbo onomatopeico zorrar ‘arrastrar’, ben veña do latín saburra ‘lastre’, en español ademais de se referir ao animal, no senso recto e no senso figurado, ten asemade outra acepción, a de carro de carga. En galego, zorra só se debe usar con este último significado, carriola. Para outros usos, xa abonda con termos raposas e golpes.

 

Golpe

Álvaro Cunqueiro contribuíu á expansión da palabra golpe (raposo)


Verba seguinte: GORXA // Verba anterior: GAIOLA // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com