VERBAS

Por Espiñeira

SÉCULO

O noso século é o termo correspondente ao do latín saeculum, pero no idioma pai non tiña orixinariamente o significado de ‘cen anos’, senón algo así como ‘xeración’, ‘época’ ou ‘longo espazo de tempo’: per saecula saeculorum polos séculos dos séculos; produciuse, logo, unha mudanza semántica con restrición e concreción. Coa mesma forma que temos en galego, consérvase no portugués século e, con máis que notables semellanzas formais, no italiano sècolo, no francés siècle ou no éuskaro sekula; con maior evolución –diferenciación- morfolóxica, derivou no segle do provenzal e no siglo do castelán.

Por vía culta, sen transformación dende a etimoloxía do latín, temos hoxe o adxectivo secular, de onde provén o verbo secularizar. Secular contraponse a eclesiástico. Dese xeito, distínguese fronte ao dereito canónico, o da Igrexa, o dereito civil ou secular. Pola súa beira, secularizar vén indicar o feito de ‘pasar da Igrexa ao mundo’. Da man da Igrexa ao mundo –civil- pasaron os bens obxecto da desamortización, foron secularizados. E por esa mesma canle léxica chegou a nós a voz seglar, que define ‘o que non ten ordes clericais’, é dicir, o que pertence ao mundo ou –o que vén ser o mesmo- o que pertence ao século.

Século

Avó de ogalego.eu, comezos do século XX


Verba seguinte: SEIXO // Verba anterior: SEBE // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com