VERBAS

Por Espiñeira

XORNAL

Na xénese das palabras pódense atopar moitos casos de cruces léxicos, mestizaxes, como tamén se producen nas razas dos cans. Por medio dun cruce léxico foi creada a voz diúrno. Diúrno ten unha etimoloxía difícil de explicar en por si de non termos en conta o termo contrario co que se adoita relacionar semanticamente. Diúrno e nocturno son elementos opostos, o día e a noite. Do latín noctem é doado chegar por derivación á actual forma adxectiva nocturno; pero do latín dies non sería tan doado chegar á correspondente derivada diúrno senón pola analoxía que interveu na súa conformación como resultado dunha mestizaxe formal co elemento oposto, nocturno. Isto é, do cruce léxico con nocturno veu diúrno.

A partir de diúrno había devir tamén o termo xornal, en realidade derivado xa do elemento do latín diurnale. O noso xornal está pola súa beira emparentado co italiano giornale e asemade co journal que teñen en común o francés, o inglés e o alemán, en todos os casos coa mesma acepción de ‘publicación diaria’. Xornal alude simplemente a diario, día a día. Por iso mesmo, tamén se chama xornal á paga que se percibe cada día. O que traballa a xornal ou anda ao xornal é xornaleiro; o que traballa nun xornal é xornalista. Á beira, fronte a xornal, periódico alude a calquera frecuencia non precisa, que pode logo ser nun período de tempo cotián, diario –xornal- ou non: periódico hebdomadario ou semanal, periódico mensual, semestral, anual, quinquenal, etc.

Tomando como base aquel mesmo étimo dies do latín, concretamente por medio do sintagma hoc dies ‘neste día’, foi construído o noso hoxe, adverbio que presenta evidentes concomitancias formais cos resultados do portugués hoje ou do italiano oggi. Hoxe é un elemento lingüístico pura raza, non como o diúrno, un cruce léxico. Hai razas e razas, haber hainas, pero nos cans; cómpre ter moito coidado niso. Tamén hai cans e cans, non todos amigos do home. E viceversa. Axiña se chega do racismo ao nazismo. A noite en pleno día.

XORNAL

Pontevedra Viva: un xornal dixital galego


Verba seguinte: XUGO // Verba anterior: XOGO // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com