VERBAS

Por Espiñeira

XUGO

Xugo é un nome que na súa orixe tivo un significado máis ben concreto, material, referido ao aparello que xunta unha parella de animais para tiraren do carro ou do arado. O xugo como termo sinónimo de canga ou cangalla, torga e traba. Neste senso, a xugada é a parella de bois ou de vacas xunguidos baixo o mesmo xugo. Xugada é, daquela, sinónimo de xunta. E ese vén ser o mesmo significado orixinal có que tivo no seu tempo o étimo latino iugum, de onde naturalmente procede. Ademais deste e doutros derivados romances, tales como o portugués jugo, o italiano iogo, o romanés jug, o provenzal jo, ou o francés joug, tamén ten cognados fóra do ámbito romance, recoñecibles por exemplo no inglés yoke ou no alemán joch.

En portugués, jugo é usado tamén como referencia dunha medida de superficie agraria, a equivalente á extensión de terra que unha xugada pode arar nun só día. Como adoita pasar con moitos outros termos, xugo tamén foi adquirindo co pasar do tempo novas connotacións ao se empregar en novos ámbitos de uso, de maneira que ampliou a primixenia acepción ligada só a xugada. Os romanos facían pasar os inimigos vencidos baixo un xugo, unha especie de aparello que tiña forma de forca. Dese xeito, os vencidos quedaban subxugados e facíase público o seu sometemento co paso á forza baixo o xugo. Hoxe en día xa non se ve o xugo romano, aquela forca foi espiritualizándose, pero así e todo segue a manterse o vello costume de someter os inimigos derrotados, subxugalos.

Outra práctica sublimada do xugo é a que nos revela agora o adxectivo conxugal, ‘relativo a cónxuxe’. Nun senso literal, cónxuxe significa ‘con xugo’, o cal semellará ben obvio para algunhas persoas. Tanto cónxuxe como conxugal, así como a forma verbal conxugar, teñen o mesmo elo de unión: o xugo. Din os que practican a disciplina do ioga, como fan os ascetas hindús, que existe unha escada con oito chanzos que pode levar o ser humano cara o auténtico coñecemento. Tamén din que resulta moi difícil chegar a atinxir o oitavo chanzo nunha soa vida. Bo será ir indo cara arriba, de chanzo en chanzo, subindo como se poida, gapeando se é preciso. Por certo, o termo ioga ten raíz no sánscrito, onde significa ‘xugo’. Cantos máis chanzos arriba, mellor, menos canga o xugo.

XUGO

Xugo con dúas cangas e un loro (a carón, unha zafra)

A Santa

A Santa, de Asorey carga co xugo


Verba anterior: XORNAL // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com