VERBAS

Por Espiñeira

XOGO

O xogo non é cousa de nenos. Xogar forma parte da esencia humana, somos homo ludens. Din que por medio do xogo descóbrense o sisudo e máis o tolo.

O xogo do noso léxico galego deriva do iocus do latín, así como tamén o fan o éuscaro joku, o italiano gioco ou o francés jeu. Do substantivo xogo veu logo a formarse o verbo xogar, tal como aconteceu co provenzal jogar, o francés jouer ou o portugués jogar.
As derivacións deste mesmo elemento dan moito xogo. Por medio do ioculator relacionado co adxectivo iocularis ‘risible’- chegounos xograr, o artista medieval tan polifacético que o mesmo cantaba que contaba, tanxía instrumentos musicais, recitaba, remedaba ou, sempre para divertir o público, facía acrobacias e todo tipo de xogos. Noutras culturas, noutras nacións tamén xurdiron artistas semellantes ao noso xograr, o joglar provenzal, o juglar castelán, o joglar catalán, o giullare italiano ou o jogral provenzal. Outra pegada lingüística coa mesma orixe atópase no inglés jocular, cun significado semellante ao do adxectivo xocoso ‘que fai rir’. Tamén na lingua inglesa temos joke ‘broma’ ou joker ‘bromista’, ambos os dous termos que comparten a mesma base etimolóxica de xogo.
Máis escuro pode parecernos hoxe en día o parentesco que ten, secasí, dentro desta ampla familia léxica de xogo o jewel do inglés. Este membro jewel acadou o significado de ‘xoia’ e, igual que ocorre coa nosa forma xoia, vén dunha fonte léxica que se acha no francés antigo joie -no francés de hoxe din joyau ‘xoia’-. Curiosamente, como nun auténtico xogo de palabras, aquel termo joie ‘xoia’ adquiriu no francés moderno o significado de ‘alegría’. Así que xoga. Enjoy.

Xogo

O xogo da buxaina


Verba seguinte: XORNAL // Verba anterior: XIRINGA // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com