VERBAS

Por Espiñeira

XIRINGA

A orixe de xiringa como verba é grega, syringis, aínda que axiña foi latinizada en siringa. Tiña orixinariamente os significados de ‘cana’ e de ‘frauta’. É ben doado ver a relación de contigüidade semántica que propalou o termo desde aquelas primixenias acepcións de uso ata o emprego especializado de hoxe en día, algo así como ‘cana que serve para inxectar líquidos farmacéuticos’.

Na mitoloxía da Grecia clásica, a siringa facía referencia a unha cana musical que tamén era coñecida como ‘frauta de Pan’, chamada así por mor do deus Pan. Seica este Pan era bo músico e gustaba de andar por paraxes agrestes a facerlles as beiras ás ninfas tocando a siringa, é dicir, tocando a frauta. Este malpocado deus andou un tempo tolamente perdidiño pola ninfa Arcadia, ata que remataría por convertela en cana e por facer con ela unha frauta. E así, mitoloxicamente, é como se conta que se deu orixe á siringa.

O noso vocábulo xiringa ten moitas concomitancias formais; entre outras, o catalán siringa, o éuscaro xiringa, o italiano sciringa, o francés seringue ou, mesmo fóra da familia de linguas romances, o inglés syringe; pola súa banda, o español mudou cara jeringa pero fíxoo serodiamente porque aínda ata entrado o século XVI empregaba esa mesma voz siringa. Con todo, a forma antiga siringa mantense viva tanto en galego como en castelán para referir aquel antigo instrumento de vento grego feito da cana, a frauta de Pan. Polo visto, a música que saía da frauta de Pan non sempre era acollida de bo grao. Cando Pan facía soar a súa siringa pola noite nunha paraxe apartada podía producir medo, moito medo. Tanto tanto medo que arrepiaba, o que se di pánico, de Pan. Nisto non houbo mudanza. Hoxe as xeringas tamén producen medo, algunhas xeringas moito moito medo. Pánico.

Xiringa

Xiringa para labores de cociña


Verba seguinte: XOGO // Verba anterior: XEXÚN // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com