XEITO
Como se pode traducir xeito ou xeitoso? Hai termos tan xenuínos, enxebres e propios da realidade sociolingüística onde se orixinan que a tradución deles sempre resulta imperfecta. De se poderen traducir axeitadamente todas as expresións, doadamente, quizais nós non haberiamos dicir dejá-vu, así como tampouco se habería dicir saudade ou morriña cando non se fala en idioma galego. Que é unha persoa xeitosa? É máis que habilidosa ou máis que con boa aparencia. Simplemente, é xeitosa.
Só o portugués comparte con nós o derivado en jeito e jeitosa, con diferente grafía pero cunha pronuncia ben semellante. A orixe léxica desta forma remóntase ao latín jactus, que tiña na súa orixe o significado de ‘lanzamento’. Precisamente este mesmo valor semántico fundamenta o emprego na actualidade do nome xeito como referencia dunha arte de pesca que se basea nunha rede longa –propiamente, o xeito- que se lanza para a captura da prezada sardiña, principalmente a chamada sardiña do xeito, e doutros peixes como os boquereus. Esta rede e máis esta mesma arte de pesca tamén as empregan en Cantabria. E como son chamadas en Cantabria? Pois con jeito.
Coa mesma fonte etimolóxica e xa que logo como cognado úsase hoxe tamén con frecuencia o termo jet, adoptado entre nós por influencia do inglés e que foi tomado pola súa beira do francés jet. Define jet un tipo de avión con motor a reacción, propulsado polo lanzamento de gases expulsados por un turbo reactor. Adóitase empregar para se referir á propiedade de seu, pola admiración ou envexa que suscita a persoa que ten e detén con fachenda un avión privado. O jet ou é privado ou non é jet. Ninguén di que viaxa nun jet público. E postos –ou mellor, lanzados- no jet, non hai que esquecerse tampouco da jet set, o nome que se puxo de moda para a xentiña que pasa boa parte da súa aqueloutrada existencia de festa en festa e de sitio en sitio, ben se desprace no jet de seu ou, mal que ben, voe nun avión de pasaxe. Teña esta xentiña jet privado ou non, moitas veces non hai quen lle quite o desfase do voo. Isto ocorre, naturalmente, por causa do jet lag.
E aquí entre nós, neste país fisterrán, hai ou non hai jet set? Haber haina, como as meigas, pero o caso é andar con xeito e con xente xeitosa.
Anda con xeito, rapaz, mira a quen atacas
Verba seguinte: XEMER // Verba anterior: VULTO // TODAS AS VERBAS
2005-2024 |