VERBAS

Por Espiñeira

TESTA

O sentido que tivo no latín a voz testa era orixinariamente diferente daquel co que hoxe mantemos nós o homónimo testa, paseniñamente reemprazado pola voz cabeza, seguramente por influxo léxico do castelán. Nun principio testa significaba ‘tella ou ladrillo, tixolo’. En Roma hai nos arredores da cidade un outeiro que chaman o monte Testaccio, un lugar no que se ían acumulando anacos das ánforas ou testas nas que os romanos transportaban o aceite e outros produtos xa desde a época de Augusto. Só por un fenómeno de asociación sémica se foi empregando aquela forma testa co novo significado referencial de ‘cabeza’, nun principio dun xeito figurado e seguramente cómico.

A nosa testa ten correspondencias como a catalá testa, a romanesa teasta, a provenzal testa, a francesa tête ou a italiana testa. Foi no ano 1956 cando Ferrari fabricou por primeira vez o seu mítico Testa Rossa, un automóbil que presentaba unha característica cor vermella. Este modelo, axiña convertido nun clásico, apareceu a partir dos anos 80 co nome fusionado como Ferrari Testarossa, ‘testa vermella’.

Chama a atención o cambio semántico que se deu na expresión testaferro. Esta voz esta a ser empregada agora entre nós coa significación de persoa que actúa por conta doutra, aquela que baixo a aparencia dun home de palla suplanta o verdadeiro responsable nun asunto ou negocio. Secasí, na lingua italiana din “testa di ferro” pero cun valor moi diferente ao que lle demos nós na adaptación que fixemos en testaferro. No italiano ten máis ben o significado oposto, non o implícito en “testaferro” ou home de palla, senón o de persoa resolta e con carácter. É dicir, vén ser o que en galego chamamos testán ou testalán, literalmente “testa di ferro”, o cal non precisa tradución para nós.

Está a recuar no uso cotián o emprego popular da testa –a voz- , pero non así o doutras voces coas que dalgún xeito garda unha estreita relación léxica e semántica. Por exemplo, testar, testamento, testemuño e testemuña. Ou testada ‘golpe coa testa’. Mesmo o anglicismo de uso hoxe tan frecuente test remite á mesma familia léxica, a través do sintagma mental test ou ‘proba mental’. Pechando o círculo de mudanzas semánticas, algúns consideran que a orixe dese termo test podería vencellarse coa utilización dunha especie de vasilla que servía para probar os metais. Como se constata, a recorrencia deste elemento léxico aconsella o seu mantemento vivo na fala e na escrita. Con testa.

Testa

Fáltalle algo de testa para o chapeu


Verba seguinte: TORTO // Verba anterior: TÉPEDO // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com