VERBAS

Por Espiñeira

TÉPEDO

Nin frío que pele nin quente que queime, tépedo.

Tendo como temos abondos termos sinónimos para expresar a mesma noción, folga introducir barbarismos, termos alleos á lingua propia. Tépedo, morno e temperado son voces que indican un grato estado de temperatura intermedio entre o frío e a calor.

No latín existía o termo vulturnus que significaba ‘vento do sudoeste’ e poida que dese significado mudase facilmente cara o senso afín de ‘calor algo abafante’ ou tempo morno, igual ca fixo ao derivar cara bochorno en español ou butorn en catalán.

De forma semellante, á beira do noso tépedo, rexístranse tièpido no italiano, tiède no francés ou tepid no inglés, todos eles descendentes directos do latín tepidus. É ben sabido que nas termas romanas a piscina onde se toma o baño tépedo chámase, como ten que ser, tepidarium. Estas termas, ademais de conteren piscinas con augas con diferentes temperaturas, dende a fría da frigidarium, á quente da caldarium, eran complexos onde tamén se podía atopar bibliotecas, salas de lectura, ximnasios ou tendas. Que boa idea a de meteren as bibliotecas e salas de lectura no que hoxe nós chamamos centros comerciais. A cultura, a física e a mental, a carón do mercado nun único espazo de lecer. E todo tépedo.

TÉPEDO

As filloas saben moi ben tépedas


Verba seguinte: TESTA // Verba anterior: TAXA // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com