VERBAS

Por Espiñeira

TORTO

Vale dicir torto como vale dicir torcido. Tanto ten, o valor semántico de ambos os dous é o mesmo. Son sinónimos. Logo, se en castelán se emprega a eito tuerto, por que non dar a mesma prevalencia e conservar en galego torto a carón de torcido? O latín tortus significa o mesmo có noso torto; e con sentidos próximos temos hoxe derivados ben semellantes no portugués torto, no catalán tort, no romanés tort, no provenzal tort ou no francés tort.

Torto é antónimo de dereito. O mesmo ca en inglés, onde tort ten o significado de damage ou injury, dano ou agravio. Precisamente, con este significado xurídico de torto como ‘contrario a dereito’ foi empregado en galego xa na Idade Media. Así nolo testemuña o que hoxe por hoxe está considerado un dos primeiros documentos máis antigos do galego-portugués, o coñecido como “Noticia de Torto”. Datado entre 1211 e 1216,  trátase dun texto notarial no que se contan as malfeitorías das que foi vítima un home, un tal Lourenço Fernandes. Aínda non ben se puxo a fala en letra, nas primeiras escrituras, e xa se tratou da inxustiza, do torto.

A pouco que furemos no túnel da historia da lingua, atoparemos un ricaz tesouro cheo de verbas con parentesco léxico con este torto. O tortus do latín é un participio derivado de torqueo, de onde agora temos torcer, retorcer, torcida, torsión, contorsión, distorsión, extorsión e moitos termos da mesma familia, doadamente identificables. Hai, non obstante, outras voces tamén emparentadas, se ben dun xeito menos evidente. Salienta algunha como troquel, o molde que se empregaba para acuñar moedas, baseado na torsión ou presión que exerce; ou tormento, aínda hoxe usada no sentido primitivo de ‘corda retorta’ ou ‘instrumento bélico como catapulta’, de onde chegou ao senso incorpóreo, sublimado, que foi acadando como sinónimo de ‘tortura’; no inglés torment ten tamén este mesmo sentido, ‘producir tormento ou atormentar’. Fóra da norma da lingua galega, pódese escoitar a voz antorcha, na vez de tea, especie de candea que se adoita facer de xeito rudimentario ao retorcer un tecido para arder. Tamén tortícolis, en lugar de cabaleiro, seguramente derivado da expresión do italiano torti colli, é dicir, literalmente ‘colos tortos’.

Un torque é un colar ríxido en forma de semicírculo que era moi usado polos pobos prerromanos. En latín torques era, simplemente, colar; en francés tamén existe torque. Outro torque, neste caso de diferente significado pero igual significante, é o que serve en inglés para se referir a unha cantidade física vectorial. En fin, mellor será non seguir por este camiño tortuoso.

Torto

Se as tellas quedan tortas, logo a auga entra no pallar


Verba seguinte: TREMER // Verba anterior: TESTA // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com