VERBAS

Por Espiñeira

TAXA

O termo culto latino para referir o concepto de ‘fixar ou establecer o prezo’ era taxare.  A mesma voz consérvase hoxe no noso taxar e, ademais de noutros derivados, en taxador, taxación ou taxa. A contaminación léxica da voz do español tasa inzou o uso oral desta forma antietimolóxica e espúrea que, de por parte, nin se corresponde coas solucións equivalentes que se empregan, por exemplo, en francés –taxe-, en inglés -tax-, ou en alemán –taxe-. Ademais, tamén resulta moi transparente a concomitancia formal desta nosa taxa co adxectivo taxativo ‘que está limitado ou restrinxido’. Desta acepción, taxativo pasou a significar tamén ‘que non se pode discutir’

Como resultará doado de recoñecer, os termos taxi e taxista procederon desta mesma fonte lexicográfica. Cando alguén sobe nun taxi o que salta á vista é como corre o taxímetro, o aparello que vai indicando o prezo da carreira, isto é, a taxa. En realidade, taxi é a forma abreviada de taxímetro, un composto tomado do francés taximètre, conformado a partir de taxe ‘taxa ou tarifa’ e mètre ‘medida’; xa que logo, o taxímetro vén ser a medida da tarifa. Ademais do que corre o taxímetro, nalgúns casos tamén hai que se preocupar do que corre o taxi e de quen o conduce, taxista.

Taxa

E se vendo as castañas terei que pagar taxas?


Verba seguinte: TÉPEDO // Verba anterior: SUCO // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com