SUCO
O noso suco provén de sucus, que no latín tiña o significado orixinal de ‘zume’. Entre nós esta forma serve para refirir ‘rego ou sinal de liña feito sobre calquera superficie’. O portugués adoptou o sucus do latín na forma sugo, igual ca fixo o italiano, e con semellante fasquía atopámola noutras linguas como a catalá suc, a éuskara zuku, ou suc tamén na lingua romanesa e na provenzal. Unha forma común en todas estas linguas e tamén presente fóra da Romania, como na lingua inglesa, é a do cultismo suculento. O arroz está suculento cando queda no seu punto de cocción, sen que se pase.
A acción de quitar o zume ou desecar algún produto é o significado que contén o termo latín exsucare, do cal deriva o noso enxugar e tamén outros derivados romances máis, como ocorre co portugués enxugar, o catalán aixugar, o italiano asciugare, o provenzal eisugar ou o francés essuyer.
Deste verbo enxugar sae o participio regular enxugado e o participio irregular enxoito. Enxoito é como queda o ser ou o obxecto que perdeu toda humidade, é dicir, que ficou seco. Por iso é común o emprego de enxoito para referir tamén a condición do ser humano que practicamente quedou sen carnes, nos ósos. Precisamente nesta última acepción especializouse o uso que como equivalente do noso enxoito se mantén no castelán enjuto.
O que pode sorprender é a relación semántica que existe entre os termos enxugar ou enxoito e o adxectivo sucio. Sucio está formado directamente sobre o latín sucidus, que literalmente significa ‘húmido’, isto é, non seco. No italiano consérvase practicamente sen alteracións en sucido. Daquela, tomado no primixenio sentido etimolóxico de húmido, sucio vén a ser un antónimo de enxoito. Deste xeito para lavar ben, por exemplo algunha peza de roupa, cómpre secala, sacarlle ben a humidade, o suco, ata deixala enxoita. Suco vai, suco vén.
Sucos para sementar
Verba seguinte: TAXA // Verba anterior: SONO - SOÑO // TODAS AS VERBAS
2005-2024 |