VERBAS

Por Espiñeira

SONO - SOÑO

Unha parella moi intimamente relacionada, a dos termos sono e soño. O primeiro vén do latín somnus. O segundo provén de somnium. En castelán ambas as dúas formas etimolóxicas acabaron confundíndose nun único resultado formal, sueño, homónimo. Pola contra, en galego mantéñense diferenciados ambos os dous significantes con cadanseu significado. Semellantes ao sono galego -e portugués- áchanse moitas expresións como o catalán son, o italiano somno, o romanés somn ou o francés somme. En inglés dise sleep, se ben tamén existe unha forma adxectiva coa mesma orixe, somnolent, que non precisa aclaración, somnolente.

Da outra verba, soño -no portugués sonho- atópanse claras concomitancias morfolóxicas no catalán somni, no italiano sogno, no francés songe ou no provenzal somnhe. Coa mesma base destes nomes formáronse os verbos correspondentes, o portugués sonhar, o catalán somiar, o italiano sognare ou o provenzal somnhar. En francés, á beira de rever, existe tamén unha forma emparentada con esta liña de soñar, songer.

Polo xeral, os adultos dormen menos cós nenos. Ao parecer isto constitúe unha constante en todo o reino animal. O sono vai perdéndose co paso do tempo dende o nacemento cara á morte, o sono eterno. E iso non é bo nin é malo; é natural. Conforme pasan os anos imos precisando menos tempo para o sono. O que non é natural é o insomnio; nin o sonambulismo. Ir imos perdendo o sono, pero o realmente importante é non perdermos os soños. Os soños soños son, Calderón. Vivir con sono é duro, pero a vida sen soños non é vida.

Sono

Escudo real en tres pezas coa inclusión das armas de Galicia (Tui).

Desperta do teu sono, fogar de Breogán! (Eduardo Pondal)

E a tea dos teus soños se espreguiza (Díaz Castro)


Verba seguinte: SUCO // Verba anterior: SOLO // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com