VERBAS

Por Espiñeira

SOLO

Sabemos ben o que pisamos? Cando camiñamos, non pisamos o solo. Este solo vén do latín solum, como os correspondentes solo do portugués, sól do catalán, suolo do italiano, ou sol francés e provenzal. O noso solo nin o pisamos nin o temos á vista, a diferencia do que ocorre con outros parellos formais, como ocorre co castelán suelo. O que temos á vista é o chan, a superficie que está por riba. Por baixo do chan atópase o solo, un composto de rochas erosionadas e outros materiais minerais e orgánicos. Os científicos que se dedican á edafoloxía, a ciencia que estuda os solos, din que en Galicia o solo característico é o das terras pardas húmidas, un solo formado por rochas silíceas como granitos, gneis ou lousas, o que se chama inceptisolo en América, un solo pouco evolucionado.

Cando se fala de solar tanto se pode estar a referir a unha acción verbal, ben a de botar solas aos zapatos ben a de revestir o chan con lousas, como ao substantivo terreo edificable. Nas tres acepcións trátase do solo que recobre o chan. Existe aínda outro solar, que xa nada ten que ver co solo que recobre o chan, é o solar relativo ao sol.

En realidade, a mesma orixe léxica ca solo ten sola. No latín era solea e ten denominacións semellantes noutros idiomas, como o provenzal sola, o francés sole, o inglés sole ou o éuscaro zola. A sola é, como se sabe, unha parte do calzado que ao camiñar toca no chan; agora ben, nin pisando con forza nin dando fortes choutos é doado que a sola chegue ao solo.

Sola

Sola de zapato


Verba seguinte: SONO- SOÑO // Verba anterior: SINATURA // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com