SINATURA
Ao pé de innúmeras declaracións, impresos, formularios, cartas e todo tipo de comunicacións escritas adóitase pór unha sinatura ou, case sen excepción, algún borrancho que substitúe o nome e apelidos de quen subscribe, para autenticar o contido do escrito. Esta sinatura é un termo que se atopa con semellante fasquía formal no francés signature, no inglés signature ou no alemán signatur; todos derivan dun mesmo vocábulo, o latino signare, orixe común tamén doutros derivados como o italiano segnare, o provenzal senhar, o francés signer, o español signar, ou o catalán senyar; e á vez, como é obvio, tamén orixe do verbo asinar. O asinante, ao asinar, fai unha sinatura.
Todos estes e moitos outros elementos pertencen a unha extensa familia léxica que cobre unha longa serie de nocións. Faise practicamente inesgotable a sucesión de derivados que se poden xuntar neste sarillo léxico. Da mesma fonte do latín signum, que xa tiña o significado de 'sinal’ ou signo, proveñen sinal e á vez significado. Sinal en realidade caracterizaba o que serve para sinalar e deixou resultados equivalentes noutros idiomas, como o español señal –e tamén señuelo-, no portugués sinal, no catalán senyal, no éuskaro seinale, no provenzal senhal, no italiano segnale e, de xeito semellante, no signal que é expresión homógrafa para o francés, o alemán e o inglés. O sinalante, ao sinalar, fai un sinal.
Nesta mesma familia léxica conviven aínda outros derivados máis que se formaron por prefixación, tales como os verbos -e de por parte os seus propios derivados deverbais- asignar, consignar, designar, persignar, ou resignarse. En todos estes termos pode verse un substancial esteo na base semántica de ‘sinal’, cunha referencia nocional común. Con algo máis de distanciamento formal e semántico aínda se poden incluír na mesma familia elementos como insignia, insigne, significante ou deseñar.
Curiosamente, asinar ten parentesco con selar. De feito, a sinatura e o selo son dúas maneiras empregadas historicamente para constatar a autoría dun documento, para autenticar. Na liña da historia, primeiro foi o selo e despois a sinatura. Cara o século IV a.C. foron empregados na Mesopotamia selos de óso ou de pedra que se inscribían ao facelos rolar sobre a arxila onde se escribía. Máis tarde, os exipcios tamén empregaron selos sobre papiros, que logo tamén foron usados por gregos e romanos nos seus documentos; e así foi sucedendo, século tras século, en practicamente todas as culturas que utilizaron algún medio de escritura e tiveron necesidade de autenticar. Só coa progresiva alfabetización da sociedade decaeu o uso do selo e estendeuse máis o uso da sinatura. En sabendo escribir, máis auténtico sería pór o nome que pór un selo. Así e todo, lingüisticamente, aténdonos só á etimoloxía, o selo é posterior á sinatura. O selo procede do latín sigillu, que non vén sendo máis ca un diminutivo de signum.
Este mesmo selo de nós tamén se di igualmente en portugués e presenta unha correspondencia clara co catalán segell, co seilu en éuscaro, ou co italiano sigillo –sixilo e sixiloso para nós-, ademais de que garda semellanza co provenzal sael, co francés seau ou mesmo co inglés seal e o alemán siegel.
Hoxe a sinatura segue a cumprir a función dos primitivos selos, malia que polo xeral as sinaturas resultan case sempre ilexibles e acabaron por ser converter de novo máis nun garabato ornamental ca no resultado da alfabetización pola que nun principio xurdiron. Sinaturas como garabatos, como aqueles debuxos de animais e de figuras xeométricas que estampaban os selos da Mesopotamia.
Sinatura de don Ricardo Carvalho Calero
Verba seguinte: SOLO // Verba anterior: SERÁN // TODAS AS VERBAS
2005-2024 |