VERBAS

Por Espiñeira

SEIXO

Cos significados de rocha, pena ou pedra, no latín empregábase a voz saxum. Hoxe en italiano din sasso para referirse a ‘penedo’. Entre nós, a carón doutras voces como coio ou canto, pervive a forma seixo. Daquela, escoitar ou ver escrito nomes como Seijo constitúe un feito provocado pola bárbara inculturización e asimilación castelanizadora.

Deturpacións coma esa non só atentan contra a pureza do idioma senón que, alén de estigmatizar a quen as emprega, feren acústica e visualmente calquera sensibilidade culta. E contra a aguda dor que producen non vale despois recorrer a remedios naturais, nin á saxífraga. O que está feito non ten remedio. A saxífraga é unha planta con valor medicinal, axeitada, como ben nos di o seu nome, para romper os cálculos –‘pedriñas’- de ril; en realidade, o termo saxífraga é un composto do latino saxum -como sáxeo ‘relativo a pedra’- e de fraga, de frangere ‘fracturar’, como esfrangullar. No natural, o remedio, seixo.

Seixo

Seixos


Verba seguinte: SERÁN // Verba anterior: SÉCULO // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com