SEBE
Poden ter algún parentesco unha sebe ‘valado ou muro vexetal’ cun pesebre? Imos ver. No latín saepes significa seto ou valado, do que por forza tería que vir a nosa sebe, igual ca había provir a italiana siepe ou a provenzal sep. Entre esta sebe e o seto existe unha certa concomitancia de significados que se corresponde co feito de compartiren o mesmo manancial etimolóxico: a familia de saepes tiña no latín a forma saeptum para referir o que nós hoxe dicimos seto e que tamén no inglés se pode dicir septum. Doutra beira, o substantivo pesebre, persevão no portugués ou presepio no italiano, provén de praesaepe, o valado onde se recolle o gando; daquela, indo polo atallo, do sitio onde se aprisca o gando cara o sitio onde come deuse unha relación contigüidade semántica; logo, pesebre.
A sebe forma un microespazo natural que en moitos casos está dotado dun gran valor para a preservación da biodiversidade. Nas sebes pódese atopar unha mostra chea de arborado autóctono e de matogueiras que serven para acobillo dos paxaros que sabiamente escollen estes hábitats para aniñaren. Ademais, a sebe fai de regulador bioclimático e funciona como paraventos, fornecendo frescor contra a calor no verán e abrigando contra o frío no inverno. O mesmo que ocorre co pesebre. Sobre todo para aqueles carguiños que aniñan nas sebes públicas como “paxaros” apesebrados. No verán e no inverno.
Sebe no Portal das Palabras
Unha sebe tres anos, un can tres sebes, un cabalo tres cans, un home tres cabalos, un corvo tres homes (dito do Xan de Baixo de Tasar de Carballo)
Verba seguinte: SÉCULO // Verba anterior: SÉ // TODAS AS VERBAS
2005-2024 |