VERBAS

Por Espiñeira

No latín existe a forma sedes, co significado de ‘asento ou escano’. E tamén a temos en galego, sede, co mesmo significado de asento, nun senso máis amplo có de , que se especializou para referir o lugar que ocupan as institucións eclesiásticas; isto mesmo ocorre tamén co termo see no inglés ‘sé episcopal’. Ben coñecida é asemade a forma do catalán que ten uso toponímico Seu. Para máis, a sé apostólica de Roma, onde ten bispado o sucesor de San Pedro, chámase Santa Sé.

Sorprende neste vocábulo a súa gran e diversa produtividade léxica. Dende asear ‘arranxar o lugar’ ata sobreser ‘rematar ou paralizar un procedemento’ ou mesmo os derivados sedar e sedante. Nun principio estes termos habían ter un significado máis preciso e material que pouco a pouco se foi espiritualizando, facendo máis abstracto. Dese xeito, dende aquel sedare que no latín que significaba ‘facer sentar’ ata sedar que significa ‘facer acougar ou calmar’ non hai máis que un tránsito, do corpo á alma. A mesma raíz de sede frutificou tamén en sesión, válida tanto nun senso material de ‘asento’ como na acepción de emprego máis común de ‘reunión’.

Por último, aínda que con menor evidencia, a mesma familia de vocábulos tamén garda relación efectiva co substantivo galego sela ‘asento de bicicleta ou de cabalo’; que á súa vez presenta evidente semellanza formal co provenzal sela, co francés selle, co catalán sella ou, obviamente, co portugués sela. Mesmo fóra do noso ámbito romance, esta sela está emparentada coa palabra do inglés settle, que significa ‘afincarse ou establecerse’, ademais de posuír na característica polisemia da lingua anglosaxona as acepcións de ‘arranxar, acordar ou calmarse’. Semellante polisemia tamén se pode albiscar na base mesma da voz sede que foi acubillando no seu ámbito semántico novos usos e valores, por asociación: sentar > calmar > arranxar > acordar.

Sé

Espiñeira (creador das verbas) e AGG (ogalego.eu), diante da Compostelá, con outros profesores


Verba seguinte: SEBE // Verba anterior: SAIA // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com