RUBIO
O adxectivo do latín rubeus contiña o significado de ‘vermello’, a mesma cor que hoxe aínda contén o noso rubio. Derivan tamén daquel rubeus o catalán roig, o provenzal roi, roge ou o francés rubèole. A mesma cor rubia ou semellante pode albiscarse noutros derivados como rubí, rubor, rubicundo ou rubeola. Cómpre, daquela, mantermos ese mesmo significado cromático e deixar para o adxectivo louro outra referencia de cor, a que en castelán ten a expresión ‘rubio’. Confundir ambas adxectivacións, rubio e louro, supón un castelanismo que aínda en ocasións mingua a corrección do sistema lingüístico propio.
De contado vén á nosa mente unha forma parónima, con certa semellanza formal, rúbrica, polo que pode estar emparentada. Pode ter algo que ver rúbrica con rubia? No latín sevía para caracterizar a cor propia dunha terra, a terra rubrica, é dicir, vermella, de onde doadamente pasou a designar os títulos que estaban escritos con esa cor, principalmente as leis. Cómpre dicir que antigamente as rúbricas dos libros adoitaban ir en tinta vermella.
Outro adxectivo referido a cor moi empregado é roxo. É correcto o uso desta forma en galego? Vexamos. Este roxo deriva do latín russus, practicamente como se conserva no italiano rosso. Outros termos afíns doutros idiomas, como o francés rouge, o catalán ros, o provenzal ros ou o portugués roxo teñen tamén esta orixe, a mesma que se por certo pode rastrexarse no inglés russet e no alemán rot. Polo tanto, o uso do termo roxo é correcto en galego, mais cómpre ter en conta que a cor que este adxectivo define é semellante á cor do ouro ou algo máis escura, algo así como rubio ou louro. Usar roxo con outro valor cromático, tomándoo por equivalente do castelán rojo, constitúe un castelanismo semántico que cómpre evitar.
Paralelamente, o termo que se corresponde co adxectivo rojo do español é vermello en galego. Este vermello provén do diminutivo de verme, vermiculu ou ‘verme pequeno’, un pequeno invertebrado de onde se obtén a base desta cor. Daquela, vermello debe empregarse en galego como adxectivo en todos os caso agás nun contexto: para referir os roxos, os políticos da esquerda. Con este senso, o uso da cor acadou máis un valor simbólico ca descritivo. A orixe do simbolismo cromático remóntase xa á Idade Media, cando os nobres non tiñan que facer traballos físicos e, polo tanto, non tiñan que estar ao sol. Aquela vida regalada permitíalles mostraren unha pel delicada, tan fina e branca que case deixaba transparentar a cor azulada das veas. Pola contra, o esforzo físico sempre fai que o osíxeno aumente e dea cor ao sangue que circula polas arterias. Coa chegada da Revolución francesa politizouse esta distinción. Aludíase daquela aos roxos ou, máis sinxelamente, os de sangue, os que exercitaban traballos físicos e mostraban unha pel de cor vermella. Fronte deles, estaban os que non se vían obrigados a facer traballos físicos e mantiñan unha pel tan delicada que deixaba translucir a cor azulada das súas veas, os de sangue azul. Tras a Revolución francesa, na Asemblea Lexislativa de 1791 había dunha beira partidarios de manter os privilexios dinásticos e da realeza, os monárquicos e conservadores que sentaron á dereita; e había doutra beira partidarios de abolir os privilexios de sangue, os xacobinos e representantes do pobo que sentaron á esquerda. E así seguen hoxe, verdade e mentira. Esquerda e dereita. Sangue azul.
Verba seguinte: SAIA // Verba anterior: RÚA // TODAS AS VERBAS
2005-2024 |