VERBAS

Por Espiñeira

SAIA

Por que non imos mercar unha saia? Hoxe a forma saia –e o tamaño- recúa, semella en retroceso diante da presión que exerce o castelanismo léxico ‘falda’; pero é preciso mantermos vixente a forma propia, a forma do nome, non a forma da prenda, que iso é o corte, porque o nome saia tivo a súa orixe nunha voz latina que remite de por parte a unha fonte etimolóxica máis arcaica, celta: sagum, que tiña un significado largo, máis extenso có actual, referido a ‘tipo de tecido’. Ademais de entre nós, saia é termo de emprego tamén común no portugués e ten evidente correspondencia léxica con outros elementos como saio no italiano ou saie no francés. Mesmo en español existe saya como unha especie de túnica ou roupa longa e folgada, aínda que en realidade se trataba dunha prenda que adoitaban vestir os homes. Tamén no español existen os derivados equivalentes ao saial e saio do galego. A creatividade do pobo colleu estas prendas para condensar petiscos da rica sabedoría popular en refráns. Dese xeito, o castelán de ruin paño nunca buen sayo ten equivalencia, formal e semántica, no noso de mal pano mala saia .

A indumentaria propia vén moi condicionada por factores culturais, económicos e, sobre todo, climáticos. Ben se poden importar algúns elementos alleos á forma de vestir máis axeitada á cultura do propio país, pero pode haber certas mudanzas e arremedos que han resultar choqueiros. Ocorre cando, sen ir máis lonxe, se pretende emular no tempo do entroido a indumentaria dos carnavais que teñen lugar noutras condicións climáticas ben diferentes e distantes. É doado importar as formas do carnaval tinerfeño ou do carnaval carioca, pero non é tan doado importar o seu clima. Cada cousa no seu sitio. Unha carioca no Río de Janeiro é de seu natural. A carioca por estes pagos entre nós é máis ben unha pescada pequena. Aínda que todo o ano sexa entroido, nestes lares cómprenos saia.

Saia

Saia típica. A máis famosa é a da Carolina


Verba seguinte: // Verba anterior: RUBIO // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com