VERBAS

Por Espiñeira

RÚA

Dende a forma latina ruga ao significado que hoxe ten a nosa voz romance rúa produciuse unha máis que notable mudanza semántica. Do significado primixenio de ‘pregue, engurra’ que tiña aquela ruga pouco ou nada se pode rastrexar na noción actual de ‘vía de tránsito urbano’ que ten a actual rúa. Polo medio houbo unha ruga que refería primeiro a noción de camiño e despois pasou a denominar a vía con casas á marxe. Para explicar o cambio semántico acódese ao influxo do termo francés rue. Certamente, trátase dun galicismo semántico. O mesmo significado có do francés rue compárteno hoxe o galego rúa, o ruga do italiano, o ruga do provenzal e -naturalmente- o rua do portugués. Non lonxe destes termos temos tamén o éuscaro arruga, cun significado tampouco demasiado afastado de rúa, ‘praza’.

Curiosamente, o español empregou rúa ata que no século XVI foi reemprazado por calle, pero da anterior expresión aínda se mantén hoxe no dicionario o verbo ruar, co significado de ‘andar polas rúas’ e, ademais, existe un adxectivo para cualificar a aquel ‘que pasea polas rúas’, ruano.

A mesma raíz latina de onde vén este rúa deu formación a derivados como engurrar, rugoso ou corrugado. En todos eles se pode entrever doadamente a mesma base léxica e semántica –no significante e no significado- do vello étimo ruga do latín. Probablemente tamén a forma do español acurrucar(se) teña orixe no mesmo vocábulo, e máis en particular a través do derivado corrugar. Doutra beira, a forma galega acuruxar, aínda que poida semellar próxima, ten outra orixe, no hábito da curuxa,  ave nocturna que pasa o día como tal, acuruxada. De noite sae a cazar; de día a curuxa fica agochada no seu niño, aniñada, acuruxada.

Hoxe en día rúa constitúe a denominación máis común e a única oficial das vías urbanas. E dende logo así ten que ser, desbotando do uso hibridismos tipo “Calle rúa da curuxa”.

Rúa

Rúa viguesa, dobremente rúa


Verba seguinte: RUBIO // Verba anterior: ROUCO // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com