VERBAS

Por Espiñeira

RELLA

A voz rella ten evidentes equivalencias coa relha do portugués, a do catalán, rella, o provenzal relha, o éuscaro erregela ou tamén co castelán reja. Esta rella veu, por vía patrimonial, directamente do vocábulo regula. Probablemente da mesma raíz chegase a nós o derivado raíl, coa variante riel. Reparemos no railway do inglés, o ferrocarril.

No latín este regula tiña dúas acepcións: unha concreta, tal que a de barra para endereitar; e outra máis abstracta, referida a precepto ou norma, tamén para endereitar. Hoxe no galego moderno o uso desta rella a/parece restrinxido a peza de ferro cortante que vai no arado abrindo sucos na terra, pero tamén pode manter o emprego espiritualizado, a noción abstracta próxima á de regra. Do ferro moito tiña que saber o poeta Celso Emilio, o noso Ferreiro por antonomasia, celanovés que foi quen de abrir fondos sucos na fontanela da nosa conciencia coa rella da lingua poética:

falar a fala nai,
a fala dos avós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.

Asemade do étimo latino regula –esdrúxula- chegaron ata hoxe sen ningunha sorte de mudanza determinados cultismos como regular, regulamento e outros máis. Polo medio, entre os cultismos e o termo patrimonial rella, áchase o resultado dunha terceira vía no elemento semiculto regra. Agora ben, esta voz semiculta non tivo en galego a produtivade léxica que acadou nos derivados casteláns. O galego non ten, por exemplo, *arregro. En galego temos arranxo. Proa e rella sempre.

Rella

Arado americano coa rella moi grande


Verba seguinte: RIR // Verba anterior: RAS // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com