VERBAS

Por Espiñeira

PREMER

Cal había ser o resultado da forma verbal premere do latín? Pois, obviamente, premer ‘presionar ou pulsar cos dedos’. E non só temos esta mesma voz en galego, tamén temos premer en catalán, premer en provenzal e prèmer en italiano. No éuscaro a forma correspondente é premiña. En castelán o elemento léxico máis achegado a estoutros é apremiar. Indo máis aló, deica as illas británicas, a mesma base léxica callou por derivación na forma print do inglés.

Alén deste herdo, temos tanto en galego como noutros idiomas un emprego moi cotián de moitas voces cultas que tamén derivaron da mesma expresión verbal. Entre outras, mais sen ánimo de exhaustividade, cómpre lembrar algunha como comprimir, compresión, deprimir, depresión, expreso (reemprazado case sempre na acepción de ‘rápido’ polo galicismo exprés: tirado de exprès, á súa vez tomado do omnipresente anglicismo express); e moitas máis: exprimir, imprimir, impresión, impreso, imprenta, prensa, oprimir, opresivo, reprimir, reprimenda, represión, suprimir, supresión, ... En fin, aínda sería doado engadir á listaxe outras moitas voces derivadas que dan conta da vizosa recursividade deste formante.

Porén, entre as moitas voces derivadas algunhas non deixan ver unha formación tan transparente. Así, o substantivo compresa -literalmente sinónimo de ‘comprimida’- adquiriu un significado especializado de abondo coñecido hoxe en día; o mesmo ocorreu co portugués exprimir, que ten o significado de ‘expresar’, igual có francés exprimer, en ambos casos coa mesma orixe etimolóxica cá do noso espremer, que á vez zuga o seu significado de premer, ‘premer con forza’. Pouca transparencia léxica ten tamén  a conformación de présa, con /e/ aberto, derivado á vez do latín pressa. Comparte esta présa a mesma orixe cás formas do francés près ‘cerca’ e après ‘despois’. Houbo neste caso unha mudanza semántica dende unha forma que orixinariamente significaba ‘apertada’ cara unha noción que veu conter o senso máis novo de ‘grupo de xente apertada’, é dicir, que camiña axiña, á présa ou ás présas. É doado imaxinar esta présa da xente a camiñar, apretada, nalgunhas horas de trafego nas rúas máis céntricas de moitas vilas e cidades.

Por non seguir a premer, abonda co dito, que non se ha espremer tanto a laranxa que o zume amargue.

PREMER

Tractor no labor de premer o silo do millo


Verba seguinte: RAS // Verba anterior: PREGAR // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com