VERBAS

Por Espiñeira

PREA

Dende praeda ‘despoxo, presa’ no latín a predador e depredar hai só un pequeno paso, o mesmo pasiño que se ten dado cara ao noso prea, semellante a termos doutros idiomas como o preda italiano, o romanés prada, o francés proie, o provenzal preza ou mesmo o inglés prey. Asemade, no italiano mantense a forma predone, que ten o significado de ‘ladrón’.

Prea en galego ten tanto o significado de suxeito paciente de apresar, corpo morto, como o de suxeito axente, persoa vil. Ademais, na semántica deste substantivo tamén  se contén a noción obxectual de roubo ou cousa roubada. Polo tanto, prea pode ser o ladrón, pode ser a vítima ou pode ser o botín.

Cando se pensa nun predador ou en predación, as imaxes que primeiro veñen á cabeza son as dalgúns animais como as hienas ou os chacais. O home -o ser humano, pero sobre todo o home- xamais se ve a si mesmo como un predador, aínda que na base evolutiva do xénero humano quedou gravada a ferro a condición de predador, marca aínda non ben admitida e xa que logo non ben superada. Os paleoantropólogos debaten sobre se os homínidos principalmente cazaban ou se, máis ben, aproveitaban o corpo de animais que atopaban xa mortos, preas. De calquera xeito, aquelas maneiras primitivas de alimentación, supervivencia e selección natural forman parte do código xenético da nosa especie. Que se teñan sublimado ou espiritualizado non significa que aquel instinto vital teña desaparecido ou que minguase. Vimos dunha interacción biolóxica entre distintas especies e avanzamos cara unha interacción social dentro da mesma especie, pero como especie quizais non deamos pasado de predadores. Así e todo, o valor de prea non se resente, dende ‘corpo morto’ a prea ‘cousa roubada’. A lingua pode con todo.

PREA

Prea, foi cousa do lobo


Verba seguinte: PREGAR // Verba anterior: PRANTO // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com