VERBAS

Por Espiñeira

PRANTO

No latín, planctus significou primeiramente ‘golpes de peito’ e logo, por extensión deste significado, adquiriu a nova acepción de ‘lamentacións’. Da dor física á dor psíquica. Co segundo valor semántico, o máis espiritualizado, temos en galego o termo pranto, perfecto sinónimo no rexistro culto de choro, máis coloquial. Á beira do noso pranto temos parónimos no italiano pianto, o provenzal planh, o francés plainte ‘xemido’ ou outros máis como no inglés plaint. Tamén en inglés se acha, como un derivado deste, complaint ‘queixa’. Na actualidade este termo é moi empregado e está moi á vista na colocación complaint form ‘follas de reclamación’. No español a forma equivalente para pranto é llanto, así como lantu en éuscaro.

Alén da acepción común como sinónimo de choro, pranto designa tamén dun xeito máis específico o xénero literario que se basea na lamentación pola morte dalguén. Como tal, o pranto está presente na nosa tradición literaria dende a lírica medieval e seguiu cultivándose ao longo da historia. Como unha mostra máis, no século XV un anónimo láiase pola morte do mariscal Pero Pardo de Cela, heroificado no seu enfrontamento contra os Reis Católicos, no célebre pranto da Frouxeira. En 1702, Anselmo Feijóo, irmán do ilustrado –non do político- Padre Benito Jerónimo Feijoo compuxo o pranto da Frota, no que se lamenta pola derrota dos españois e franceses contra os ingleses na batalla de Rande. Tamén Castelao emprega prantos na súa magnífica obra de teatro “Os vellos non deben de namorarse”, prantos pola desdita dos que se namoran a destempo. Os exemplos seguen a sucederse na actualidade. Tamén noutras linguas tivo cultivadores o xénero do pranto; entre eles, non se pode esquecer a fermosa elexía de Miguel Hernández:

No hay extensión más grande que mi herida,
lloro mi desventura y sus conjuntos
y siento más tu muerte que mi vida.

E non só no ámbito da literatura, senón tamén na vida mesma ou -mellor dito- na morte mesma se fan prantos. No enterro era costume ancestral que as mulleres fosen louvando as virtudes do defunto e facendo o pranto, chorando a berros en sinal de dor pola perda, decote tan grande perda. E para que non coubese dúbida acerca da dor sentida, para dar mellor expresión ao pranto, ata se contrataban as profesionais que ían no funeral escenificando o loito con golpes de peito –planctus- e laios. Estas mulleres eran as que se chamaban choradeiras ou carpideiras, porque tiñan o costume –por oficio- de carpir ou ‘arrincar os cabelos en sinal de dor’. A tradición de facer o pranto remóntase xa aos tempos do antigo Exipto e, como testemuños lingüístico da súa presenza nas distintas culturas, achamos nomes tales como plañidera no español, complanyer no catalán, complanher no provenzal, plaignant no francés ou plangent no inglés. Entre nós tiñan moita sona neste luctuoso oficio as carpideiras dunha vila do Morrazo: a chorar a Cangas.

Pranto

Os vellos non deben de namorararse, Castelao


Verba seguinte: PREA // Verba anterior: POBO // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com