POBO
No latín clásico había dez vogais. Distinguían, segundo a cantidade ou duración na pronuncia, entre vogais longas e vogais breves; así, por exemplo, podían opoñerse parellas léxicas conforme a pronuncia dunha vogal se fixese longa ou breve, como ocorre no caso de populus con “o” longo /poopulus/ que significaba e deu ‘chopo’ e populus, con “o” breve /populus/ que significaba e deu ‘pobo’.
Á beira do latín clásico, ou literario, atopábase o latín falado nas provincias do imperio romano, o chamado sermo vulgaris ou tamén latín vulgar. Neste latín falado, o sistema vocálico do latín clásico constituído por dez vogais, A, E, I, O, U, longas e breves, quedou reducido a sete elementos. Diferenciaban vogais longas e breves tan só no caso do E e do O. Este é practicamente o sistema que hoxe se conserva na lingua galega –así como na portuguesa- e tamén nas linguas catalá e romanesa. Fronte a estas, as demais linguas romances en xeral cambiaron aqueles E, O breves latinos por ditongos. Por iso, por exemplo, agora nós dicimos pobo fronte ao castelán pueblo.
Os resultados daquel populus con O breve foron o povo no portugués, o poble no catalán, o poble no provenzal, o peuple no francés e así, como tamén o people do inglés ou o pöbel do alemán; neste derradeiro caso cun sentido pexorativo, dun xeito semellante ao que ten entre nós o uso da forma emparentada plebe.
Hoxe está aínda a se erradicar do emprego popular o castelanismo léxico cru pueblo; dise pobo, mais así e todo este substantivo pobo adoece de certa resonancia castelá, castelanismo semántico. Por popular que nos poida resultar, pobo emprégase de maneira incorrecta cando se refire a ‘asentamento’ ou poboación. Para esas acepcións abonda con referirnos a aldea, lugar, vila cidade, burgo ou outras formas, mais en galego pobo ten, igual ca tiña populus en latín, o significado específico de conxunto de persoas ou comunidade, non a localidade onde habitan.
Sen apenas mudanza no significado foron conformándose con esta mesma base moitos derivados cultos como popular, popularidade, popularizar ou populismo; e tamén se xeraron outros derivados por vía popular, neste caso máis popular que nunca, tales como poboar ou poboación.
Do outro populus do latín, con O longo, como se fose poopulus, deriva o noso chopo. Este chopo é o nome da árbore que ten crecemento rápido e pertence á mesma familia có salgueiro. O chopo emprégase para facer as caixas de froita, porque é moi livián, e ademais dá unha agradable sombra en moitos paseos. Os seus cognados son o español chopo, o portugués choupo, o italiano pioppo, o romanés plop, o francés peuplier, o inglés poplar, o alemán pappel e, entre outros, o catalán poll. Esta árbore do chopo tamén se coñece como álamo. En realidade, é tan común que haxa chopos ou álamos nos paseos das vilas e cidades que agora xa se emprega o substantivo abundancial alameda como sinónimo de paseo con árbores, aínda que en moitos paseos chamados alamedas nin sequera haxa nin sombra de álamo. Iso si, alamedas haber hainas en moitos lugares, con chopos ou sen eles, hainas nas vilas e hainas nas cidades, pero nin as hai nin as pode haber no pobo.
Monumento aos Heroes de Ponte Sampaio (pobo) na Alameda de Pontevedra
Verba seguinte: PRANTO // Verba anterior: PEIXE // TODAS AS VERBAS
2005-2024 |