VERBAS

Por Espiñeira

PEIXE

Piscis é a forma latina que serviu de fonte etimolóxica de peixe, do noso, saboroso, substancioso, peixe. Piscis, igual cá denominación en español do signo do zodíacopisces en galego-. A mesma raíz etimolóxica reaparece noutros derivados como piscifactoría, piscívoro, piscicultura ou pisciforme.

Con semellanza formal á do noso peixe, pero con outra substancia  e outro sabor, temos o catalán peix, o italiano pesce, o romanés peste, o provenzal peis, o francés poisson (ollo coa falta ortográfica, poison pode facer moito dano). En portugués tamén din peixe –e empregan peixes para o signo do zoodíaco- Na mesma patela poden aínda meterse outras formas léxicas do peixe: a do inglés fish e tamén a do alemán fisch.

Pescar, claro está, tamén provén desa mesma raíz. A mesma que, curiosamente, tamén presenta o vocábulo piscina, aínda que con certa mudanza dende a acepción primaria de ‘viveiro de peixes’ ao significado co que adoitamos empregar máis hoxe o termo piscina. O certo é que hai moitas variedades de peixe, no mar, nos ríos, nos lagos e mesmo nas piscinas. Temos o peixe bolboreta, sempre a facer pinchacarneiros no trampolín. O peixe eléctrico, que nunca ten acougo. Hai o peixe que sempre cae ben, o peixe gato. Hai peixes loitadores, dispostos a combateren ata mancarse ou mancar a alguén. Hai peixes do paraíso, convencidos de que non van estar mellor en ningures. Hai cada peixe! Está tamén o peixe piloto, xamais en bus e gózaa nas arrancadas. Hai o bocazas, o que chaman peixe sapo. Hai o peixe porco, dentro e fóra da auga. Hai o que é festeiro de seu, o peixe guitarra. Hai o peixe papagaio, non o fan calar nin debaixo da auga. Hai o peixe real, moi severo coa república, que se distingue doadamente polas franxas vermellas e amarelas. Hai outro que resulta pesadiño, o peixe lapa. Hai o peixe manteiga, derrétese con nada. Hai o peixe morcego, gústalle saír de noite. E tamén hai peixes roncadores, moitos, de doado avistamento na sexta hora.

Hai, en fin, tanta variedade de peixes que é practicamente imposible facer unha mención completa, por exhaustiva que sexa. Por mor da claridade expositiva e, ademais, porque moito peixe pode chegar a romper coa rede, adóitase empregar un criterio taxonómico que distingue soamente dous grandes tipos. Atendendo ao criterio do maior ou menor contido en graxa, distínguese o peixe azul e o peixe branco. Cando se trata do peixe de piscina, o azul precisa máis osíxeno, o branco quere máis sol.

Peixe sapo

Peixe sapo


Verba seguinte: POBO // Verba anterior: PAXARO // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com