VERBAS

Por Espiñeira

PAXARO

Paxaro debe pronunciarse con acentuación grave ou paroxítona, con maior intensidade articulatoria no segundo /a/. O seu étimo encóntrase no latín passer. En realidade houbo un cambio na sílaba forte, dende a esdrúxula. O mesmo cambio que aconteceu noutros vocábulos como cantiga, por forza da pronuncia maioritaria no léxico do idioma galego, no que predomina a acentuación grave.

Noutras linguas déronse asemade algunhas variacións: en portugués é pássaro, en catalán pàssera, en italiano passero, en romanés pasare ou paser en provenzal. Ocorre que en latín o nome passer tiña o significado específico de ‘pardal, gorrión’ ou, máis en xeral, o de ‘ave pequena’. O termo francés passereau mantén aquel primeiro significado restritivo de ‘pardal’, mentres que para a denominación xenérica de ‘paxaro’ nalgunhas linguas formouse outro nome sobre avicella -diminutivo no latín de avis-, como aconteceu co francés oiseau, co italiano uccello ou co catalán ocell.

En xeral emprégase o nome paxaro como sinónimo de ave, aínda que en rigor o nome paxaro tan só representa un grupo de aves, só o das paseriformes. Naturalmente, paseriforme é o grupo de aves que ten a forma do passer latino, é dicir, o grupo das aves que teñen forma de gorrión ou pardal. De xeito que, en liñas xerais, paseriformes son as aves que polo común se chaman paxaros, pero constitúen un amplísimo grupo de vertebrados composto por máis de cinco mil especies. Aí é nada.

Entre tantas delas, os pimpíns de Darwin representan o exemplo da diversidade das aves na súa adaptación ao medio. O variopinto peteiro dos paxaros tería evoluído para o aproveitaren mellor conforme a forma e o tamaño do alimento principal. A teoría da evolución ve o ser humano tamén como resultado dunha serie de mudanzas dende o mono. Pero entre os primates chegados a máis que somos o seres humanos sempre houbo individuos dispostos a negalo todo. Darwin embarcouse cara as illas Galápagos en 1831. Dende aquela a hoxe aínda hai negacionistas, pimpíns que negan a teoría da evolución e da orixe das especies. O creacionismo nega o evolucionismo. E viceversa. Paxaradas.

PAXARO

Curiosa pataca con forma de paxaro


Verba seguinte: PEIXE // Verba anterior: PÁLPEBRA // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com