VERBAS

Por Espiñeira

PÁLPEBRA

Á membrana móbil que cobre e protexe o ollo chamámoslle en lingua galega pálpebra. Por que se había de reemprazar este nome propio por outro alleo? É absolutamente innecesario recorrer ao uso do vocábulo párpado, castelanismo. No latín xa era palpebrae, de aí que a nosa pálpebra tamén presenta gran semellanza formal co italiano palpebra e corresponde na súa formación e forma á expresión do francés paupière.

Na raíz léxica da pálpebra áchase tamén a noción semántica de movemento repetido, a mesma acción que se pode achar na base do verbo palpar ou apalpar e, xa que logo, noutros derivados destes como palpadela ou apalpadeira. Tamén palpitar e palpitación conteñen os mesmos trazos substanciais desta significación orixinal, a de movementos repetidos, neste caso os dos latexos do corazón. Cando as pálpebras se moven para protexer ou limpar os ollos o que fan é pestanexar ou capelexar. Obviamente pestanexar formouse sobre pestana, o pelo que bordea as pálpebras. Capelexar, pola súa beira, toma forma nunha xenuína expresión metafórica de creación popular que se emprega como sinónima de pálpebra, a capela do ollo. Pódese desleixar semellante patrimonio literario popular? A resposta está noutra pregunta –método galego-: como se di ‘relativo a pálpebra’ en castelán e en inglés?  Pois dise igual ca no galego; dise, se dice, it’s said nos tres idiomas: palpebral.

Pálpebra

Pálpebra, pestana e cella


Verba seguinte: PAXARO // Verba anterior: PALLA // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com