VERBAS

Por Espiñeira

PALLA

Un dos usos da palla é a súa utilización como cana para chuchar ou sorber líquidos. Nesa acepción, xa que logo, resulta innecesario recorrer ao castelán “pajita”, tantas veces usada por galegofalantes. Unha palliña é, neste senso, idónea para tal emprego. Outras acepcións de uso do termo son tan sobradamente coñecidas que nos relevan de ter que meternos en ulteriores aclaracións.

A lingua é obra viva que precisa para a súa perfección da colaboración de todos os falantes, a todas horas, día e noite, decote. Xamais se pode dar por rematada, ninguén posúe os dereitos de autor, este grandioso patrimonio inmaterial só pertence ao pobo, proindiviso, é de todos e de ninguén. Séculos despois do seu comezo, a creación da lingua non rematou nin dará rematado xamais. Unha lingua vaise facendo paseniño, de xeración en xeración, coa achega de todos e de cada un dos usuarios, os de onte, os de hoxe e os de mañá. Hai, como en calquera obra humana, xente máis preocupada pola conservación das formas clásicas e hai xente que se degara máis polas innovacións formais. Non son incompatibles. Na construción pode mesturarse a axeitada conservación do patrimonio herdado coa súa proxección cara o futuro. Por iso, aínda que se estea a perder o importante valor funcional e material que noutrora tivo o palleiro, ese amoreamento de palla ou herba tan vistoso que se adoita facer a carón da casa labrega, queda na lingua do pobo a súa referencia cultural. Non hai palleiro sen palla. Do mesmo xeito que aínda que hoxe xa non se fagan entre nós aquí moitas construcións con adobe, o termo non desapareceu, como tamén non debe desaparecer pallabarro, sinónimo de adobe en galego. O demais sería andar a facer o pallaso. Por certo, este pallaso, se cadra, ten algo que ver con palla.

O noso palla, derivación do latín palea, correspóndese naturalmente co portugués palha, co catalán palla, co italiano paglia, co romanés paie, co provenzal palha, co francés paille e mesmo parece ser da mesma familia léxica que o pallet do inglés.

Para escorrentar os paxaros pódese empregar un boneco polo xeral feito de palla e vestido con roupaxe vella, como un home de palla. É o espantallo. Na lingua italiana pagliaccio significou na orixe ‘saco de palla’ e esta voz chegou ata nós por medio do francés paillasse. Así que, si que si, o nome pallaso vén de palla.

Reparemos en que tamén na lingua castelá se di pallaso, non *pajaso. Hai xentiña que quere ver o lixo en ollo alleo e non quere ver a palla no propio.

Palla

Becerriños deitados na palla


Verba seguinte: PÁLPEBRA // Verba anterior: ONDA // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2019
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com