VERBAS

Por Espiñeira

ONDA

“Estar na onda” é nova expresión de moda que xa vai collendo un verniz clásico. En latín chamábase unda á auga en movemento. Por que non lembrala? Na onda desa onda clásica están as formas modernas ondear, ondulante e outras máis de fasquía semellante. Máis aínda: daquela unda clásica derivan tamén abundar, redundar ou inundar. Abonda con pensar un chisco no significado orixinal destes derivados e facendo unha pequena abstracción axiña se chega a enxergar a mudanza semántica que se deu neles cara aos significados actuais. Inundación, abundante ou redundante son, de por parte, termos comúns e bastante coincidentes en practicamente todas as linguas neolatinas.

Ben semellantes, case homógrafos, coa nosa onda, a mesma forma tamén propia do portugués, existen os termos ona en catalán, onda en italiano, o romanés unda, o provenzal onda ou o francés onde. Mesmo en inglés podemos achar elementos moi vencellados formalmente como undee e undy.

Pola súa beira, o español utilizou tamén a palabra onda ata mediados do século XIII, tempo no que comezou a reemprazala pola moderna ola, voz de orixe incerta aínda que hipoteticamente formada sobre base do árabe háwla 'remuíño' ou háwl 'axitación do mar'. De todos os xeitos, ese reemprazo de onda por ola non se produciu de xeito total porque aínda hoxe non se emprega - nin sequera en castelán- ola media, ola hertziana, ola magnética ou ola radioeléctrica, senón onda media, onda hertziana, onda magnética ou onda radioeléctrica.

No idioma galego ola é, en primeiro lugar, unha forma de saúdo. Ola!. Tamén existe en galego a homónima ola, co significado de pota e, asemade, unha medida de capacidade en litros, polo xeral como referencia de dezaseis litros. No mar, ola debe ter en galego o significado máis preciso de ‘remuíño’. Algúns estudos basean na mesma orixe etimolóxica do árabe háwla ou háwa a xénese da expresión foula, moi empregada polo rianxeiro Manuel Antonio para expresar poeticamente o mesmo significado ca onda. É dubidoso, pero de calquera xeito os de Rianxo teñen moito que dicir porque xa en 1948 o coro Castelao –así chamado en honra doutro ilustre rianxeiro- estreou en Buenos Aires a sonada “A Virxe de Guadalupe”. En Rianxo venérase o santuario da Guadalupe dende, polo menos, o século XVIII. E aquela mundial cantiga da Guadalupe baséase en coplas tradicionais rianxeiras que foron musicadas por Anxo Romero Loxo, outro rianxeiro. Hoxe “A rianxeira” acadou categoría de himno galego, himno popular xa que non oficial e de feito cántase en moitas celebracións.

Ondiñas veñen
ondiñas veñen e van
non te vaias rianxeira
que te vas a marear

A rianxeira está na onda da cantiga medieval de Mendiño:

Sediame eu na ermida de San Simón
E cercáronme as ondas, que grandes son.

As ondas, que grandes son!

Rianxeira

Santuario da Rianxeira, a Virxe de Guadalupe


Verba seguinte: PALLA // Verba anterior: OLLO // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com