Indice de Exercicios

VERBAS

Por Espiñeira

NU

Só coa roupaxe da forma latina nudus ‘espido’ amósanse de maneira natural -sen nada que ocultaren- nudismo e nudista, cultismos.

A palabra nu é galega galega e como tal ten perfecta correspondencia coa francesa nu, a italiana nudo ou a inglesa nude. Para quedar en coiro ou nu, como nacemos, é mester desnudarse, quitar a roupa, espirse. Este espir ten base no verbo do latín expedire; polo tanto, comparte a mesma etimoloxía coa expedir, verbo moi afín aos expedientes do ámbito administrativo.

Pola súa beira, o vocábulo español desnudo é un substantivo regresivo formado a partir da forma verbal desnudar, á vez orixinada no latín denudare. Ese derivado desnudo acabou impoñéndose sobre o primixenio nudo e mesmo desnudismo é voz que se considera tamén correcta en castelán -non en galego-, aínda que se lle dá preferencia ao uso da voz culta nudismo. Con todo, emprégase tamén en castelán o adxectivo nudo; entre outras, nas expresións de noción xurídica como “nuda propiedad” que refire propiedade sen usufruto que ten o dono dun ben, isto é, a propiedade sen a posesión ou, o que é o mesmo, a núa propiedade.

A lingua propia de Galicia é o galego. Ou iso di, de xeito nu, o Estatuto de Autonomía. Porén, hai casos dalgún politicastro que fai forza por deixar Galicia e os galegos coa lingua propia en coiros, sen o seu prezado usufruto, a fala. A núa propiedade da lingua propia.

NU

Artigo 5 do Estatuto de Autonomía de Galicia


Verba seguinte: OLLO // Verba anterior: NOME // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com