NÉBOA
A nosa néboa ten un elo de semellanza formal noutras linguas. A voz néboa. Na raíz do termo ponnos o derivado culto nebuloso, sen mudanza formal, e que naturalmente significa ‘cuberto de néboa’. En astronomía nebulosa fai referencia a unha rexión entre estrelas que está constituída por gases e po.
A nosa néboa seméllase lingüisticamente á névoa do portugués, á neula do catalán, á nebula do inglés, á nebel do alemán ou á nebbia do italiano. Nada estraño, porque a orixe de todas elas é a mesma nebula do latín. Por iso mesmo, facer que un líquido se transforme en pequechas pingas, en néboa, é nebulizar.
Hai semellanza léxica, formal, soamente, porque no substancial as semellanzas esváecense logo. Malia as concomitancias sonoras e gráficas, o emprego de cada unha destas verbas equivalentes á nosa néboa adquire un significado xenuíno, propio do lugar onde o fenómeno atmosférico se produce dun xeito peculiar, diferenciado. Pódese falar decote dun certo endemismo lingüístico. A lingua é unha creación cultural que resulta da adaptación que fai o pobo ao seu medio natural. É doado traducir expresións, pero non resulta tan doado traducir as nocións referenciais vencelladas dun xeito máis forte á cultura, nun senso amplo. Se dicimos néboa, a néboa mesma enche a nosa paisaxe, real ou imaxinaria. Só cando se di néboa, só cando se oe néboa, séntese ou preséntese a néboa mesma. Se puidese valer calquera expresión para calquera lugar, non tería o pobo que se pór ao longo de séculos a definir, con grande esforzo de precisión semántica, a néboa e outros fenómenos atmosféricos parellos, nin tería xamais creado, á beira de néboa, brétema, cegoña, fuscallo, mera, calixe, parrumada, borraxeira ou neboeiro.
Xa nun día claro custa orientarse, non digamos con néboa
Verba seguinte: NOITE // Verba anterior: MUXIR // TODAS AS VERBAS
2005-2024 |